Pasar al contenido principal

O CPEIG organizou hoxe un taller de robótica para nenos e adolescentes ingresados no CHUS con motivo do Día do Neno Hospitalizado

Taller robótica no CHUS

Celebrouse o pasado 13 de maio na Aula Hospitalaria do hospital de Santiago, en colaboración con ASANOG, impartido polo subdirector do CITIC, Javier Pereira

Construíron con caixas de cartón un mando para controlar videoxogos, un coche teledirixido ou un dron e programaron un balancín para xogar cos pés nun ordenador

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou o 13 de maio un taller de robótica para os nenos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) en colaboración coa Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia (ASANOG), con motivo do Día do Neno Hospitalizado que se celebra hoxe mesmo, O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, asistiu á inauguración do obradoiro na Aula Hospitalaria do CHUS, acompañado pola técnico de ASANOG, Merce Fernández Baleato. 

O taller, dirixido a nenos e adolescentes de todas as idades, estivo impartido polo subdirector do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, Javier Pereira. Na actividades, os nenos crearon un mando con caixas de cartón que, conectado a un ordenador, serviu para controlar un videoxogo, un coche teledirixido ou un dron. Programaron tamén o voo dun dron e nun balancín de exercicios de equilibrio programaron un chip para controlar cos pés os videoxogos dun ordenador.