Pasar al contenido principal

O CPEIG celebra mañá a súa “XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” en Santiago con máis de 350 convidados, na que se entregarán os premios anuais da profesión

ANOITE 2022

O evento estará presentado polo humorista e imitador Raúl Pérez, que ofrecerá un monólogo ao auditorio, e contará coa actuación do dúo Queen Forever Tribute

O CPEIG celebra mañá venres, día 1 de xullo, a “XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, unha gala que terá lugar no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, a partir das 19:00 horas, e na que se entregarán os premios anuais da profesión. Está previsto que máis de 350 convidados asistan ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais do sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. 

Esta décimo cuarta edición será inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e contará coa asistencia do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira; a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local do Concello de Santiago, Marta Abal; a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago (USC), Mª del Pilar Murias Fernández; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.

A gala será conducida por Raúl Pérez, humorista e imitador coñecido por moitos por ter colaborado no programa Late Motiv que Andreu Buenafuente presentou en Movistar 0. Raúl (Madrid, 1976) é enxeñeiro Técnico de Telecomunicacións en Son e Imaxe, pero abandonou este futuro estable para dedicarse á comedia. Comezou madrugando dez anos en "Anda Ya!" (morning show de Los40) onde conseguir bater o Récord Guinness de explotar globos co cu nun minuto, ademais de ser actor de dobraxe. Pero o seu campo son as imitacións e domina personaxes como Pedro Sánchez, Pablo Iglesias, Manuela Carmena, Iker Jiménez, Eva González, Jorge Javier Vázquez, Antonio Lobato, Rafa Nadal, Matías Prats, Gloria Serra, Pedro Piqueras, Miguel Ángel Revilla, Josep Pedrerol, Manolo Lama, Andrés Iniesta, Jesús Vidal, Luis Piedrahita, Juan de los Chunguitos, Arturo Valls, e así ata uns 200.

Tamén se contará coa actuación do dúo musical Queen Forever Tribute. Tralas súas xiras de éxito de anos anteriores ao redor da xeografía nacional, enchendo recintos como por exemplo o Hard Rock Hotel de Ibiza ante máis de 6.000 persoas. Participaron no talent show "GOT TALENT", e foron semifinalistas e o único grupo tributo que conseguir conquistar a Risto Mejide. A banda inicia este 2022 a súa nova xira "Back to the light Tour" que os levará a visitar as principais capitais europeas. Da man de Tolo Sanders (Freddie Mercury) e Adrián Pujadas (Brian May) nace o proxecto Queen Forever Tribute ao que tamén se incorporan Juanjo Amengual (John Deacon), Haritz Caperochipi (Roger Taylor) e Sebastián Raimundo (Spike Edney) para interpretar a obra musical e discográfica de QUEEN, un clásico do século XX, que este tributo realiza con coidadas caracterizacións e unha posta en escena minuciosamente deseñada.

O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, o Colexio agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.

Premios da “XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”

Premio Iniciativa Emprendedora. A compañía de recruiting ou de recursos humanos especializada no sector tecnolóxico, a galega Manfred, foi premiada con esta distinción polo seu labor de axudar aos profesionais a xestionar a súa carreira profesional e poñer en contacto ao mellor talento coas empresas máis innovadoras, empregando unha ferramenta que permite crear o CV e sincronizalo en múltiples plataformas online de forma automática, ofrecendo un maior control sobre os datos.

Premio Iniciativa da Administración. O proxecto Equipos @, seis grupos especializados en ciberdelincuencia na Guardia Civil, recibe o premio nesta categoría por ser unha iniciativa que se creou para garantir a seguridade e a protección dos dereitos e liberdades dos usuarios no ciberespazo, enmarcado no Plan Estratégico contra la Cibercriminalidad do Ministerio del Interior.

Premio Iniciativa Empresarial. Este recoñecemento foi para ‘The Waylanders’, un videoxogo de rol creado e ambientado en Galicia pola empresa coruñesa Gato Salvaje Studio.

Premio Traxectoria Profesional. A distinción recaeu no xefe da Subárea da Seguridade da Amtega, Gustavo Herva Iglesias, que, tras vinte e dous anos de carreira, actualmente é responsable da definición e implantación das políticas corporativas de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais da Xunta de Galicia.

Premio Especial CPEIG. Distínguese nesta categoría a UNICEF España/USC/CCII polo estudo Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia. Relacións, riscos e oportunidades, ao Congreso Internacional de Animación, Efecto Visuales y Nuevos Media Mundos Digitales no seu 20 aniversario e á compañía coruñesa TRISON por liderar en Europa o sector da integración audiovisual

Premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática. O recoñecemento distingue por partida dobre ás doutoras en Informática Núria Castell Ariño e Karina Gibert Oliveras, tamén catedrática, ambas da Universidade Politécnica de Cataluña-BarcelonaTech. As dúas enxeñeiras en informática dedican parte da súa carreira á fomentar a presenza feminina e dar visibilidade ás mulleres no campo tecnolóxico.

Premio e-Inclusión. IT4Ukrainians.com, plataforma de axuda á empregabilidade dos refuxiados ucraínos, recibe esta distinción do CPEIG. Impulsada impulado por Mobile World Capital Barcelona e CIONET, é un portal de oportunidades laborais para profesionais con capacidades no ámbito tecnolóxico e dixital en empresas punteiras en Europa.

Premio Impulso Dixital de Galicia. Recibe este recoñecemento a Estratexia Galicia Dixital 2030 da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino. Reciben o premio os programas #IMPACT, de empregabilidade para persoas con discapacidade no sector da tecnoloxía da Fundación GoodJob.

Premio Obxetivos de Desenvolemento Sostible (ODS). Recibe a distinción a rede Dinapsis de Viaqua, de hubs de transformación dixital para a xestión da auga e o medio ambiente en Galicia, e ao grupo SING de investigación biomédica e ciberseguridade da Universidade de Vigo (UVigo), formado por investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) do Campus de Ourense.

Premio Traballo Fin de Máster. A distinción outorgouse ao coruñés Íñigo Luis López-Riobóo Botana pola súa ferramenta de maximización de negocio na plataforma TripAdvisor. Os outros finalistas foron Daniel Pena, que desenvolveu un sistema para facilitar a compra online en supermercados a través do móbil, e José Morano, autor dunha ferramenta ferramenta web de apoio ao diagnóstico de patoloxías oculares.

Colexiado de Honra. Este premio recaeu no director de Enxeñaría de Seguridade de Google, Bernardo Quintero Ramírez, promotor do primeiro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Google para Europa, que se inaugurará a mediados de 2023 en Málaga.

Máis información dos premios e fotografías dos premiados: https://www.cpeig.gal/https://anoite.gal/