Pasar al contenido principal

O CPEIG organizou un taller de robótica para nenos e adolescentes ingresados no CHUS con motivo do Día do Neno Hospitalizado

Día Neno Hospitalizado no CHUS

Celebrouse na Aula Hospitalaria do hospital de Santiago, en colaboración con ASANOG e impartido pola empresa Captioma Galicia

Decenas de robots autónomos, adestrados polos participantes, percorreron o CHUS seguindo camiños por cores e con obstáculos e algunha que outra sorpresa

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou o pasado 12 de maio un taller de robótica para os nenos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) en colaboración coa Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia (ASANOG), con motivo do Día do Neno Hospitalizado que se celebrou o 13 de maio. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, asistiu á inauguración do obradoiro na Aula Hospitalaria do CHUS, acompañado por Alba Tuñas, unha representante de ASANOG, entidade que preside Merce Fernández Baleato. 

O taller, dirixido a nenas e nenos de 6 a 14 anos, foi impartido por Pablo Novoa e Gálata Martínez da empresa Captioma Galicia. O taller centrouse en experimentos con robótica educativa, baseados en detección e visión artificial. Decenas de robots autónomos, adestrados polos participantes, percorreron o CHUS seguindo percorridos por cores, obstáculos e algunhas sorpresas que apareceron polo camiño.