Pasar al contenido principal

Code.org, a plataforma formativa en programación máis grande do mundo, recibe o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino do CPEIG

Code.org

O seu obxectivo é que cada estudante en cada escola do mundo teña a oportunidade de aprender informática

O director de Code.org en Europa, Oriente Medio e África, Fran García del Pozo, e a responsable de Alianzas Internacionais de Code.org, Elena Gorostiza, recollerán a distinción na gala da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” de 2023 a Code.org, organización sen ánimo de lucro que ten como misión que cada alumno en cada escola do mundo aprenda a programar, da mesma maneira que aprende outras materias como matemáticas, álxebra ou bioloxía.

Code.org é a plataforma formativa en programación máis grande do mundo, xunto con Khan Academy, independente e apartidista, creada en 2013 en Estados Unidos polos irmáns xemelgos Hadi e Ali Partovi. Conta co apoio de referentes globais políticos, institucionais, económicos e sociais como Barack Obama, Justin Trudeau, Bill Clinton, Bill Gates, Jeff Bezos, Mark Zuckerberg, BONO, Malala, Richard Branson ou Iván Duque, entre outros. E está financiada por empresas como Microsoft, Facebook, Amazon, a Fundación Infosys ou Google, entre moitas outras, ademais de ter alianzas coa Organización de los Estados Americanos (OEA), Banco Mundial, UNESCO, Banco Interamericano de Desarrollo, etc.

Ofrece acceso gratuíto e universal ao contidos traducidos a máis de 60 idiomas. Actualmente, dispón de 80 millóns de estudantes ao redor do mundo, a metade mulleres, e dous millóns de contas de docentes. É o principal provedor de programas de estudos de ciencias da computación para o período K-12 nos distritos escolares máis grandes de Estados Unidos.

Unha das actividades de Code.org é Hora del Código, un taller práctico no que se aprenden conceptos básicos de programación que foi deseñado por Hadi Partovi para desmitificar as ciencias da programación e demostrar que calquera pode aprender a programar. Na campaña anual "La Hora del Código" rexistráronse o pasado ano máis de mil millóns de horas realizadas. En España, rexistráronse en 2022 uns 850 eventos da Hora del Código. 200.000 novos docentes interesáronse polos contidos en programación de Code.org e máis de 600 docentes formáronse nesta materia.

Code.org chega a EMEA liderado por un equipo español 

A organización acaba de poñer en marcha un equipo xestor en Europa, Oriente Medio e África (EMEA), liderado por profesionais españois para reducir as brechas dixitais entre os máis novos. A pesar de que a programación é unha competencia clave na economía dixital, Code.org considera que hai catro brechas que retardan a súa aprendizaxe en España:
•    Información: Alta taxa de descoñecemento por parte da sociedade española.
•    Xénero: Baixa participación de mulleres en carreiras STEM.
•    Docentes: Brecha tecnolóxica e pouca capacitación.
•    Competencia: As empresas non logran cubrir as  súas vacantes por falta de perfís coa cualificación técnica requirida.

Para reducir estas brechas, Code.org ten catro obxectivos:
•    Sensibilización: Dar a coñecer os beneficios da programación á sociedade en xeral, a súa transversalidade e propósito, e a ruptura de estereotipos.
•    Políticas públicas: Promover cambios no plan de estudos das escolas a nivel institucional para integrar as habilidades e conceptos de programación dentro destes centros de estudo.
•    Formación: Desenvolver as habilidades necesarias no profesorado para trasladar aos estudantes a importancia do pensamento computacional, desenvolver a súa curiosidade e ensinar conceptos.
•    Contidos: Garantir que o contido da plataforma Code.org sexa traducido por  nativos en todo o territorio EMEA para aumentar o interese nos exercicios de programación.

Ao igual que aconteceu en EEUU, institucións públicas, empresas privadas, empresarios e figuras relevantes de todos os ámbitos sociais de España están apoiando este movemento. Algúns destes referentes son a Reina Doña Letizia, todos os presidentes do Goberno da democracia, figuras mediáticas como Vanesa Martín, Sonsoles Ónega, Susana Griso, Ana Pastor, Álvaro Arbeloa ou Marta García Aller, ou entidades como ABANCA, Amazon, Aula Planeta, BBVA, Santander, ITP Aero, Gestamp, Endesa, Iberdrola, Telefónica…

Observatorio da informática de España: O 84% dos cidadáns considera que a informática debería ser unha materia obrigatoria

Code.org publicou en xaneiro deste ano o Informe 2022 do “Observatorio da informática de España”. O 84% dos cidadáns considera que a informática debería ser unha materia obrigatoria. Esta é unha das principais conclusións deste informe. Ademais, do estudo extráese que sete de cada dez enquisados cre que formar a mozos en idades temperás en programación é clave para cubrir postos de traballo que actualmente quedan vacantes. Tamén reflicte que un 86% dos cidadáns cre que, desde a chegada de Internet, a tecnoloxía forma parte do día a día, polo que é necesario proporcionar ao alumnado os coñecementos necesarios.

Tamén a organización lanzou este ano o Manifesto pola Informática para concienciar á sociedade sobre a importancia da inclusión da informática en todo o sistema educativo español. Asina este manifesto AQUÍ

O galardón entregarase na “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O director de Code.org en Europa, Oriente Medio e África (EMEA), Fran García del Pozo, e a responsable de Alianzas Internacionais de Code.org, Elena Gorostiza, recollerán a distinción no acto de entrega de premios. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.