Pasar al contenido principal

O CPEIG e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organizan 28 xornadas sobre ciberseguridade en centros de ensino de toda Galicia

Xornadas Ciberseguranza Kids

Estas sesións, denominadas ‘Ciberseguranza Kids’ e impartidas a modo de contacontos, desenvolveranse en outubro no marco do programa ‘Tech Kids’, cunha xornada de peche no Gaiás Tech da Cidade da Cultura o día 26

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia organizan no mes de outubro unhas xornadas sobre ciberseguridade enmarcadas no programa ‘Tech Kids’, actividade incluída na ‘Estratexia Galicia Dixital 2030’ e no ‘Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital’ e realizada a través do convenio asinado entre o CPEIG e a Axencia para a realizacións de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da información en Galicia para fomentar a sociedade dixital.

Organizaranse 28 xornadas formativas presenciais en centros de ensino de Galicia. Comezarán mañá cunha xornada no CEIP de Zas ás 10 horas. Proseguirán xa en outubro en Santiago, O Carballiño, Maside, Boborás, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Reis, O Grove, Cambados, Lalín, Lugo, Rábade, Castrelo de Miño, Cartelle, Vigo, Ribeira, Curtis e en Aldán en Cangas do Morrazo, ademais doutras oito sesións aínda sen confirmar.

O programa “Tech Kids” ten como obxecto formar aos rapaces e rapazas en ciberseguridade. As xornadas de divulgación, denominadas ‘Ciberseguranza Kids’, centraranse na ciberseguridade mediante charlas con tipoloxía de contacontos ou outro tipo de actividade de carácter dinámico e participativo. Esta actividade está dirixida a nenos/as de 3 a 12 anos de idade. Ademais, celebrarase unha sesión de contacontos o vindeiro 26 de outubro no centro Gaiás Tech da Cidade da Cultura en Santiago.

Ademais, a través destes contacontos incidirase no fomento das vocacións STEM entre os máis novos/as, especialmente entre as rapazas con referentes femininas no material didáctico. Tamén esta iniciativa comprenderá a publicación de vídeos específicos e un novo conto con contido de ciberseguridade.

taboa xornadas