Pasar al contenido principal

O CPEIG adhírese ao Pacto pola Ciberseguridade Sostible polo seu compromiso na protección de datos, o medio ambiente e a sociedade

Selo

O manifesto foi constituído pola Asociación Española para el Fomento de la Seguridad de la Información e o Instituto Nacional de Ciberseguridad

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) adhírese ao Pacto pola Ciberseguridade Sostible, constituído pola Asociación Española para el Fomento de la Seguridad de la Información (ISMS Forum) e o Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE). O selo Green Proof ao Pacto pola Ciberseguridade Sostible representa o recoñecemento e o compromiso do CPEIG cos principios e accións deliñadas no pacto.

O CPEIG súmase ao medio centenar de empresas e entidades que xa apoian este manifesto, composto por oito puntos relacionados coa xestión sostible da ciberseguridade. O pacto forxouse coa conciencia de protexer non só datos, senón tamén o medio ambiente e a sociedade, e xurdiu da colaboración e o intercambio de coñecementos para servir de guía as empresas cara operacións ciberseguras e sostibles. Servirá a modo de referencia de boas prácticas para todo tipo de entidades que operen en ciberseguridade. Ademais, o Pacto pola Ciberseguridade Sostible constitúe a primeira referencia ao respecto na Axenda 2030 no sector da ciberseguridade.

O esquema de cumprimento de boas prácticas, con certificación baixo unha marca de garantía, visibilizará o compromiso das entidades participantes, como é o caso do CPEIG. Os oito pilares de acción para a xestión sostible da ciberseguridade son: 
 
1.    Gobernanza responsable
2.    Transparencia e rendición de contas
3.    Eficiencia enerxética
4.    Economía circular
5.    Xestión responsable de residuos electrónicos
6.    Colaboración e divulgación
7.    Estándares sostibles
8.    Colaboración na cadea de subministración

Web do Pacto pola Ciberseguridade Sostible: 
https://www.ismsforum.es/ciberseguridad-sostenible/index.php