Pasar al contenido principal

O CPEIG convoca a décimo quinta edición do Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática

XV Premio TFM

•    O prazo de candidaturas estará aberto ata o 21 de abril

•    O gañador recibirá 1.000 euros, e os tres finalistas un ano de colexiación gratuíta

A entrega da distinción terá lugar na gala da XVI Noite da Enxeñería en Informática que celebrará o Colexio o vindeiro 21 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca a décimo quinta edición do Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática. O galardón, que se entregará no marco da XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia o vindeiro 21 de xuño en Santiago –Hotel OCA Puerta del Camino–, quere ser un estímulo para os estudantes e titulados recentes no máster en Enxeñaría en Informática.

Tal como se recolle nas bases do certame, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros en informática que presentaran nunha universidade galega o traballo fin de máster da Enxeñaría en Informática nos anos 2022, 2023 e 2024. Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do traballo, resumo  e memoria completa do mesmo) ata o día 21 de abril ao enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal

Mediante a organización deste premio, o Colexio busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación. O TFM gañador recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das tres universidades galegas, valorará os traballos recibidos e seleccionará o traballo gañador.