Pasar al contenido principal

O Centro de Estudos de Seguridade –CESEG–, galardoado co Premio Iniciativa da Administración do CPEIG polo seu traballo investigador sobre a manipulación informativa

Premio Iniciativa da Administración CESEG

José Julio Fernández, director: “A ciberseguridade volveuse esencial para enfrontarse á desinformación, tanto para a detección das noticias falsas como para construír ferramentas que axuden á alfabetización mediática e ao empoderamento da cidadanía democrática”

Recollerá a distinción na gala da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 21 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Iniciativa da Administración da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2024’ ao Centro de Estudos de Seguridade (CESEG), un centro mixto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Ministerio de Defensa do Goberno de España, polo seu traballo investigador sobre a manipulación informativa.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, explica que este recoñecemento subliña a relevancia do traballo realizado polo equipo investigador para abordar un dos desafíos máis críticos de sociedade actual, a manipulación informativa. “Nun mundo cada vez máis dixital, a calidade democrática e a seguridade da información son pilares fundamentais que deben ser defendidos. O proxecto galardoado explora con rigor as complexidades da desinformación, as súas implicacións na seguridade e o seu impacto na integridade democrática, aportando unha visión estratéxica sobre como identificar, responder e mitigar estas ameazas” –apunta Suárez–.

Con este galardón, o Colexio recoñece o valor desta iniciativa, que vai máis alá do ámbito académico para ofrecer solucións que beneficien a toda a sociedade, ademais de celebrar o compromiso do CESEG coa mellora da seguridade e a calidade democrática na contorna dixital, á vez que reitera o seu apoio á loita por un espazo dixital “máis seguro, transparente e xusto”. 

O CPEIG recalca a importancia da tecnoloxía como ferramenta clave na loita contra a desinformación, posto que as solucións tecnolóxicas permiten detectar patróns de manipulación e filtrar información falsa de maneira máis rápida e efectiva. “Os avances en intelixencia artificial e análise de datos convértense en aliados indispensables neste combate, permitindo o desenvolvemento de sistemas que non só detectan a manipulación, senón que tamén brindan respostas informativas claras” –engade o presidente do Colexio–.

Un centro con investigadores de 25 entidades de prestixio de 20 países diferentes

O CESEG, con sede na Facultade de Dereito da USC, naceu en 2015 cando se formalizaron, baixo a fórmula de centro de investigación, un conxunto de actividades que se desenvolvían na USC desde décadas atrás, sobre todo ligadas ao que se chamaba o Seminario de Estudos de Seguridade e Defensa (USC-CESEDEN). A partir dese momento, as actuacións crecen de forma relevante, en cantidade e calidade, baixo a dirección do profesor doutor José Julio Fernández Rodríguez.

O director do CESEG explica que o centro configúrase como un foro de estudo, investigación, formación e divulgación académica, que busca liñas de análise dinámicas e multidisciplinares, contribuíndo así á difusión e mellora da cultura da seguridade e da paz. En concreto, sinala que o centro analiza a seguridade desde un “entendemento poliédrico e heteroxéneo”, o único que hoxe en día é capaz de ofrecer resultados satisfactorios ante o conxunto de retos e ameazas que se cernen sobre os sistemas democráticos. Realízanse estudos sobre xeopolítica, intelixencia, xeoestratexia, conflitos internacionais, terrorismo, crime organizado e seguridade enerxética ou seguridade ambiental. 

José Julio Fernández destaca que particular interese  teñen os temas de ciberseguridade e ciberdefensa, que son obxecto de atención constante nas actividades que se desenvolven no centro. “O estudo da ciberseguridade incrementarase nos vindeiros anos ante o salto tecnolóxico que se prevé e a incidencia que terá en todas as ordes” –manifesta–.

O comité científico do CESEG inclúe profesores e investigadores de 25 entidades de relevante prestixio que se sitúan en 12 países. Este comité e o cualificado staff directivo do CESEG serven para testemuñar a calidade das moitas actividades e seminarios que se realizan, o que inclúe actividades de formación de posgraduado, xornadas divulgativas, conferencias, estancias de investigación, publicacións de libros colectivos, ditames e informes, sesións de análise e a edición dunha revista específica do centro, chamada Gladius et Scientia.

É habitual a colaboración en distintos graos de intensidade do CESEG con outras institucións académicas e de seguridade, como o Instituto Español de Estudios Estratégicos, o Centro Nacional de Inteligencia, o seu Centro Criptológico Nacional, distintas embaixadas (como as de Portugal, Italia, Brasil, Estados Unidos, Rusia, Francia, Perú, México ou Chile), a OTAN, a Unión Europea, o Consejo de Europa, o Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, a UNESCO ou ACNUR.

Proxecto ambicioso, xa no seu ecuador, integrado por 20 universidade de seis países

O CESEG desenvolve na actualidade un ambicioso proxecto internacional de investigación, titulado “A manipulación informativa como problema de seguridade e de calidade democrática: descrición, consecuencias e respostas”. Intégranse no proxecto 20 universidades de 6 países, baixo a coordinación e dirección do CESEG. 

O obxecto principal do proxecto é coñecer como funcionan os procesos, accións e estratexias de manipulación da información; especificar as consecuencias da manipulación para a seguridade e calidade democrática; e dar respostas concretas á manipulación no ámbito xurídico, das políticas públicas e da educación, no marco do Estado de Dereito. 

Nesta liña, José Julio Fernández explica que, xa no ecuador do período de vixencia do proxecto, “a ciberseguridade volveuse esencial para enfrontarse á desinformación, tanto para a detección das noticias falsas como para construír ferramentas que axuden á alfabetización mediática e ao empoderamento da cidadanía democrática”. E engade que actualmente están colaborando co CPEIG e con certas empresas tecnolóxicas para concretar nos vindeiros meses esta relevante dimensión tecnolóxica da problemática da manipulación informativa.

A metodoloxía empregada no proxecto parte da interdisciplinariedade (xurídico pública, politolóxica, pedagóxica, xornalística e de seguridade e defensa). De este modo, o proxecto dótase de diversas ferramentas analíticas e reflexivas para conseguir maior éxito no traballo a realizar e, finalmente, acadar uns destacados resultados que se poderán transferir á sociedade.

José Julio Fernández recollerá o galardón na ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar a sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.