Pasar al contenido principal

O CPEIG e a Xunta de Galicia humanizan a estancia de nenas e nenos hospitalizados con obradoiros de robótica

Convenio con Sanidade

O presidente do Colexio, Fernando Suárez Lorenzo, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinaron o convenio para o desenvolvemento desta iniciativa

•    Empresas do ámbito tecnolóxico galego impartirán dúas sesións ao ano en cada unha das sete áreas sanitarias para reducir o estrés que implica o ingreso a través do xogo
•    O Servizo Galego de Saúde destina 11.500 euros a adquirir o equipamento co que impartir obradoiros con robots que simulan coches ou mascotas
•    Todas as áreas pediátricas dos hospitais públicos galegos contan con aulas infantís nas que se realizan actividades escolares e de lecer

O presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinaron un convenio de colaboración para a posta en marcha de obradoiros de robótica e programación destinados a nenas e nenos hospitalizados.

En total desenvolveranse 14 obradoiros, dous por cada área sanitaria ao ano, nos que están previstas actividades como transformar froitas e utensilios de cociña en mandos de xogos de ordenador; ou probar robots con forma de coche ou mascota que mudan o seu comportamento en función do son ambiental, da luz ou da distancia a outros obxectos grazas a sensores integrados.  

Desta forma, tal e como sinalou o conselleiro de Sanidade, este convenio asínase coa vontade de que estas actividades sexan unha distracción positiva para os cativos ingresados, contribuíndo así á súa recuperación emocional e mental.
 
Na mesma liña, o presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia indicou que os obradoiros permitirán utilizar elementos non tecnolóxicos para coñecer as leis da física e da informática, como é a condutividade, “por exemplo, usando froitas e verduras para facer música grazas a pequenos microchips”. 

Con estas actividades interactivas e prácticas proporcionarase unha distracción positiva da situación médica de cada paciente, contribuíndo a facer o ingreso hospitalario máis levadío, xa que a hospitalización é unha fonte de estrés para os rapaces e para as súas familias. 

Os obradoiros están pensados para desenvolverse en grupo e favorecer a interacción social, aínda que tamén están previstas sesións virtuais no caso de pacientes que non poidan participar fisicamente nos xogos. Serán impartidos por empresas galegas do ámbito tecnolóxico a través dos seus plans de responsabilidade social corporativa e, para poder levalos a cabo, o Servizo Galego de Saúde destinará 11.500 euros á adquisición do material necesario. 

Ao acto de sinatura do convenio desta mañá tamén asistiron, como centro directivo promotor da iniciativa, a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, e o subdirector xeral de Sistema e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón.