Estivo impartido por persoal investigador do CITIC da Universidade da Coruña e contou coa asistencia do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño
A actividade desenvólvese no marco dun convenio de colaboración entre ambas entidades, a través do cal se impartirán 14 talleres, dous por cada área sanitaria ao ano
O presidente do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inauguraron o mércores, 17 de xullo, o primeiro obradoiro de robótica e programación para nenas e nenos hospitalizados, que se celebrou no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) no marco do convenio de colaboración asinado entre ambos organismos.
O taller estivo impartido por persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), como entidade colaboradora neste convenio xunto a outras empresas tecnolóxicas como Bahía Software, Balidea, H3C, HPE, NETT Data e Telefónica. Asistiron tamén ao acto o subdirector xeral de Sistema e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón; o xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Ángel Facio; e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo.
O acordo pretende que os obradoiros sexan unha distracción positiva para os cativos ingresados, contribuíndo así á súa recuperación emocional e mental. Desenvolveranse 14 obradoiros, dous por cada área sanitaria ao ano, nos que están previstas actividades como transformar froitas e utensilios de cociña en mandos de xogos de ordenador; ou probar robots con forma de coche ou mascota que mudan o seu comportamento en función do son ambiental, da luz ou da distancia a outros obxectos grazas a sensores integrados. As actividades terán lugar nas aulas infantís das áreas pediátricas dos hospitais públicos galegos. As seguintes xornadas nas demais áreas sanitarias están previstas para os meses de outubro e de decembro.
Con estas actividades interactivas e prácticas proporcionarase unha distracción positiva da situación médica de cada paciente, contribuíndo a facer o ingreso hospitalario máis levadío, xa que a hospitalización é unha fonte de estrés para os rapaces e para as súas familias.
Os obradoiros están pensados para desenvolverse en grupo e favorecer a interacción social, aínda que tamén están previstas sesións virtuais no caso de pacientes que non poidan participar fisicamente nos xogos. Serán impartidos por empresas galegas do ámbito tecnolóxico a través dos seus plans de responsabilidade social corporativa e, para poder levalos a cabo, o Servizo Galego de Saúde destina 11.500 euros á adquisición do material necesario.