Pasar al contenido principal

O CPEIG e a Xunta de Galicia inician a formación para os talleres de robótica que se desenvolverán nos hospitais de Galicia

Formación dos talleres nos hospitais galegos

Participaron 15 voluntarios das empresas Bahía Software, H3C, Telefónica, HPE, Balidea, NTT Data, Minsait e DXC, e colexiados e colexiadas do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coa Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, celebrou en Santiago unha xornada de formación para o proxecto de talleres de robótica en hospitais. Este proxecto ten por obxecto achegar a tecnoloxía e a robótica aos hospitais galegos, ofrecendo unha experiencia educativa e motivadora aos nenos hospitalizados.

O encontro reuniu a uns 15 voluntarios procedentes de empresas tecnolóxicas como Bahía Software, H3C, Telefónica, HPE, Balidea, NTT Data, Minsait e DXC, así como a colexiados e colexiadas do CPEIG. O CPEIG e a Consellería de Sanidade agradeceron profundamente a colaboración desinteresada de todos os participantes, e subliñaron o valor do seu compromiso con esta iniciativa. Ademais, recoñeceuse ao grupo de voluntarios no seu conxunto, que continuará crecendo para garantir o éxito dos talleres.

Durante a xornada, os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer o material robótico que se usará nas actividades, así como formarse no enfoque pedagóxico do proxecto. A formación foi impartida polo CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña), liderada polo seu subdirector, Javier Pereira, que presentou en detalle os elementos robóticos que protagonizarán os talleres, xunto con varios membros do grupo TALIONIS do citado centro.

Os voluntarios puideron traballar directamente cos materiais e resolver dúbidas de cara aos futuros talleres. Aínda que a sesión está gravada en vídeo e estará dispoñible para todos os voluntarios, xunto cun manual de apoio para futuras incorporacións, a implicación presencial dos asistentes foi clave para consolidar os coñecementos e garantir un desenvolvemento óptimo dos talleres.

Este proxecto, que arrincará antes de finalizar o ano, desenvolverase nas sete áreas hospitalarias de Galicia, reafirmando o compromiso de ambas entidades coa tecnoloxía como ferramenta de inclusión e apoio en contornas sensibles. A iniciativa xa tivo actividades previas, entre as que destaca unha xornada celebrada no mes de xullo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que contou coa presenza do Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o subdirector de TI da entidade autonómica, Benigno Rosón, demostrando o respaldo institucional ao proxecto.