Poderán enviar os seus deseños ata o 10 de decembro e o fallo do xurado farase público o día 14 en www.cpeig.gal
O Colexio elixirá o debuxo que se converterá na súa felicitación oficial de 2024 entre os gañadores das dúas categorías a concurso
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca, por décimo terceiro ano consecutivo, o Concurso de Postais de Nadal, dirixido a nenos e nenas e adolescentes de 3 a 18 anos.
O certame divídese en dúas categorías: A, dirixida a rapaces de entre 3 e 12 anos, e a B, destinada á participación de rapaces de entre 13 e 18 anos.
Os participantes deberán ser familiares de persoas colexiadas. O número máximo de candidaturas por colexiado é de tres. O premio que recibirá o gañador será unha tablet para a categoría A, e uns auriculares sen fíos para a categoría B. A xunta de goberno do CPEIG elixirá, de entre os dous gañadores, a obra que será a felicitación oficial do Colexio para estas festas.
Segundo as bases do certame, a técnica é libre e poderanse usar pinturas, témperas, ceras, collage, etc. O formato pode ser vertical ou horizontal. Os participantes poderán enviar as súas propostas ata as 13:00 horas do día 10 de decembro, remitíndoas ao correo electrónico informacion@cpeig.gal, cos datos do candidato e xuntando a postal dixitalizada con calidade e en formato jpg ou png. O fallo do xurado farase público na web do colexio (www.cpeig.gal) o 14 de decembro.