Pasar al contenido principal

O colexio asina un convenio de colaboración coa Consellería de Innovación e Industria

Logotipo da Consellería de Innovación e Industria

O colexio ven de asinar un convenio de colaboración coa Consellería de Innovación e Industria para o desenvolvemento de actuacións para o fomento da Sociedade da Información.

Nesta serie de actuacións englóbanse un proxecto piloto do uso e aplicacións dos certificados dixitais e da sinatura electrónica e unhas xornadas de difusión sobre o impacto das TIC no exercicio do xornalismo.

A actuacións englobadas no convenio contribuirán a:

  • Impulsar o uso de tecnoloxías incipientes en sectores clave de xeito que a partir destes poidan fluír no conxunto da sociedade.
  • Impulsar a información, reflexión e sensibilización sobre a Sociedade da Información, sobre as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, e sobre o papel que xogan na economía e na sociedade as profesións asociadas á Enxeñaría en Informática.
  • Mellorar a imaxe e o recoñecemento social e laboral das profesións asociadas á Enxeñaría en Informática.
  • Mellorar a profesionalización e incrementar a calidade nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións en todos os ámbitos.
  • Estimular o interese nos diferentes sectores da sociedade polos propósitos e liñas de traballo do CPEIG.
  • Promocionar a profesión de Enxeñaría en Informática entre os xóvenes e futuros profesionais, así como promocionar a área de coñecemento e o uso das TIC entre éstes.

Proxecto piloto do uso e aplicacións dos certificados dixitais e da sinatura electrónica

A finalidade global deste proxecto é impulsar o uso adecuado da certificación dixital e da sinatura electrónica dentro dos/das profesionais da Enxeñaría en Informática.

O conxunto destes/destas profesionais conforman un sector primordial a partir do cal o uso desta tecnoloxía fluirá ao resto da sociedade xa que, en boa medida, serán os/as responsables de desenvolver desde os eidos público e privado proxectos que fagan uso da mesma.

A certificación dixital e a sinatura electrónica son elementos tecnolóxicos clave para o desenvolvemento da Administración electrónica e das actividades comerciais e industriais da nova sociedade global na cal, cada vez máis, transaccións de toda índole estarán baseadas en procesos remotos que garantan a identidade, integridade e confidencialidade.

Este proxecto desenvolverá un proxecto piloto no cal profesionais da enxeñaría en informática serán dotados de infraestruturas básicas para a aplicación da certificación dixital e da sinatura electrónica.

Así mesmo, o proxecto tamén desenvolverá módulos de software que permitirán o uso de sistemas de identificación sobre certificados dixitais para a plataforma de software libre de portais Drupal, unha das de maior uso na internet na actualidade.

Finalmente, o proxecto celebrará unhas xornadas formativas sobre o correcto uso e aplicación da certificación dixital, da sinatura electrónica e sobre as infraestruturas dotadas no marco do proxecto.

Xornadas de difusión sobre o impacto das TIC no exercicio do xornalismo

A través destas xornadas búscase debater e profundizar no impacto que teñen hoxe en día as Tecnoloxías da Información e das Comunicacións no exercicio do xornalismo.

Estas xornadas porán de manifesto as novidades e avances tecnolóxicos que teñen influencia nos distintos medios de comunicación, co obxectivo de brindar unha oportunidade para coñecer as últimas novidades en materia de ciberperiodismo por parte de poñentes especializados para os profesionais dos medios.

Analizarase o feito de que as redes sociais de novas e os blogs teñan cada día máis presenza e importancia, así como a promoción de noticias nos mesmos aproveitando a ‘intelixencia colectiva' dos lectores como filtro.

Como resultado preténdese crear un foro permanente de traballo entre os profesionais da Enxeñaría en Informática e os dos medios de comunicacións no emprego das novas ferramentas TIC para o periodismo e a publicación de novas no ámbito da informática.