Coñecerán as principais estafas, como o fraude do CEO, o empregado fiel, o ransomware ou o Business Email Compromise, a través de casos reais co obxecto de dar seguridade as súas empresas
Celebrarase o mércores, de 10:30 a 12:00 horas, organizada polo CPEIG e a Comisaría da Policía Nacional de Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Comisaría da Policía Nacional de Santiago organizan este mércores, 21 de maio, unha xornada sobre ciberdelitos no ámbito empresarial. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o inspector xefe da Policía Nacional, Santiago Reboyras, impartirán a charla no Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa (CERSIA) de 10:30 a 12:00 horas.
As empresas convertéronse en obxectivos prioritarios para os ciberdelincuentes. O auxe das estafas, como o fraude do CEO, o empregado fiel, o ransomware ou o Business Email Compromise, ademais doutras na enxeñaría social, están poñendo en xaque a seguridade e a continuidade de numerosos negocios.
Así, o obxecto da xornada será dar a coñecer os principais tipos delituosos na contorna corporativa e concienciar, formar e dotar aos profesionais de ferramentas eficaces fronte a estas ameazas. “A prevención e detección de ciberdelitos, e a resposta a dar ante ameazas dixitais son as claves que deben manexar as empresas para protexerse de posibles delitos dixitais”, sinala Fernando Suárez.
Na xornada, dirixida a empresarios, responsables de sistemas, persoal administrativo e calquera profesional implicado na xestión dixital da empresa, expoñeranse casos reais e as súas consecuencias legais, económicas e reputacionais, ademais de dar a coñecer as medidas de prevención e protocolos de actuación.