Foi o primeiro vicepresidente do Colexio, cargo co que contribuíu a construír unha corporación forte, útil e comprometida coa profesión, segundo afirma a entidade
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) lamenta o pasamento do enxeñeiro informático Hernán Vila Pérez (O Carballiño, 3 de abril de 1972 – 23 de maio de 2025), “profesional impecable e, sobre todo, unha persoa fondamente querida”.
Hernán Vila foi o primeiro vicepresidente do Colexio, onde contribuíu desde os seus inicios a construír unha entidade forte, útil e comprometida coa profesión. “Hernán foi sempre un home discreto, leal, deses que non precisan grandes xestos para deixar unha pegada profunda. Amaba o seu traballo, pero tamén sabía gozar da vida: viaxar era unha das súas grandes paixóns. Quen o coñecemos de preto sabemos que detrás do seu carácter reservado había unha gran xenerosidade, un compañeirismo constante e un sentido do deber que nunca precisou alardes. Marchou como viviu: con discreción, con humildade, sen ruído, fiel ata o final á súa maneira de estar no mundo. E aínda que a súa marcha nos enche de tristura, tamén nos deixa o consolo de termos compartido camiño con alguén que sempre soubo estar, e ser, na vida”, sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
Desde o CPEIG envían todo o seu cariño e apoio á familia, amizades e compañeiros de Hernán Vila, unha persoa que sempre será lembrada con respecto e gratitude.