É a primeira entidade nacional en obter esta autentificación para todos os seus servizos e en todos os centros sanitarios de Galicia
Garante á cidadanía a protección de datos sensibles e é un exemplo de excelencia na posta en marcha de medidas avanzadas de seguridade dixital
A secretaria xeral técnica da Consellería, Natalia Lobato, recollerá a distinción na gala da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Iniciativa da Administración da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ de 2025 á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia pola súa certificación no Esquema Nacional de Seguridade (ENS) no seu nivel “alto”.
A Consellería de Sanidade é a primeira entidade nacional en obter esta certificación para todos os seus servizos tecnolóxicos en todos os seus centros sanitarios, incluídas as aplicacións eSaúde, Sergas Móbil e Telea. Este logro consolida o compromiso do Sistema Público de Saúde de Galicia coa protección da información e a ciberseguridade, fundamentais para ofrecer servizos públicos de “calidade e seguros”. Así, o departamento reforza a confianza da cidadanía ao garantir a xestión e protección de datos sensibles baixo os máis altos estándares definidos pola normativa vixente en España, como un exemplo de excelencia na posta en marcha de medidas avanzadas de seguridade dixital.
Nunha sociedade inmersa nun proceso de transformación dixital, onde os sistemas de información están cada vez máis expostos aos ciberataques e a fallos de subministración eléctrica e cortes masivos nas redes como hai unhas semanas, a Consellería de Sanidade cre preciso garantir un uso seguro e responsable das redes e sistemas de información e comunicacións; reforzar as capacidades de prevención, detección e resposta aos ciberataques e promover e adoptar medidas específicas para contribuír á promoción dun ciberespazo seguro e fiable. Segundo explica, a ferramenta para minimizar estes riscos é o Esquema Nacional de Seguridade.
O primeiro paso da Consellería de Sanidade para ofrecer seguridade á xestión dos seus sistemas e tecnoloxías da información foi a norma ISO 9000 en 2006 e, posteriormente, certificándose no norma ISO 27001 de seguridade da información en 2015.
A Consellería transmitiu a súa satisfacción e agradecemento por este galardón, que non só premia o esforzo realizado polo Sistema Público de Saúde de Galicia senón que tamén motiva a seguir mellorando de xeito continuo no eido da ciberseguridade. “O feito de que o premio sexa concedido polo CPEIG é motivo de especial orgullo, xa que esta enxeñería é un piar da nosa sociedade actual e sen ela non serían imaxinables as infraestruturas e servizos sanitarios dos que desfrutamos hoxe en día. É un pulo para continuar traballando na protección do máis valioso: a nosa saúde, a través da confianza da cidadanía e da integridade dos sistemas de información”, sinalan desde a Consellería.
Tamén a Consellería indica que esta distinción supón un orgullo engadido ao premiarse o froito do labor de toda a organización, dos seus profesionais e de toda a cidadanía que fai uso dos servizos tecnolóxicos. Destaca que merecen especial mención aqueles que estiveron no día a día do proceso, é dicir, os profesionais da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, “protagonistas indispensables nos cambios máis importantes que afrontou a sanidade galega no últimos 25 anos”, e que o seguirán sendo no futuro a través das múltiples iniciativas que fomentan, promoven e axudan a levar a cabo, imprescindibles para a adaptarse aos retos dun mundo cada vez máis interconectado.
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato Mosquera, recollerá o galardón na ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.