Un consorcio de entidades, liderado polo centro vigués Gradiant, uniuse para crear este entorno colaborativo e desenvolver talento e transferir coñecemento
O obxecto será ter un impacto real no tecido produtivo e situar a España na vangarda das tecnoloxías do futuro
A distinción entregarase na gala da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Impulso Dixital de Galicia da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ de 2025 ao proxecto QUORUM destinado a impulsar el ecosistema de innovación en tecnoloxías cuánticas en España.
O centro tecnolóxico Gradiant lidera o proxecto, e entre os socios en Galicia atópanse o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesoinal a través da Axencia Galega de Innovación, o International Quantum Center de Fujitsu (multinacional xaponesa líder en tecnoloxía), Fidesol, Itecam e QCentroid. Estas entidades únense co obxecto de crear un entorno colaborativo para fomentar a innovación no campo cuántico en España e situar ao país á vangarda das tecnoloxías do futuro. O proxecto QUORUM enmárcase na Convocatoria Ecosistemas Innovación do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e conta co financiamento dos fondos europeos Next Generation EU e o Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia.
O principal obxectivo do proxecto é consolidar e ampliar a rede de ecosistemas de innovación cuántica en España, cunha base de colaboración público-privada. O proxecto actúa como catalizador nacional para que as tecnoloxías cuánticas avancen desde a investigación cara a industria, cun impacto real no tecido produtivo, a formación e a soberanía tecnolóxica do país. Preténdese fomentar a cooperación tecnolóxica entre empresas e outros axentes, como universidades, centros tecnolóxicos e organismos públicos de investigación; impulsar a innovación territorialmente equilibrada, promovendo polos de innovación fóra dos grandes núcleos urbanos; aumentar a participación de empresas en actividades de I+D+i, especialmente en sectores estratéxicos para a economía española; reforzar capacidades científico-tecnolóxicas, incluíndo infraestruturas, talento e transferencia de coñecemento; e favorecer o escalado de startups tecnolóxicas e a atracción de investimento privado.
Ademais, o proxecto contribuirá á consolidación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, a iniciativa estratéxica da Xunta de Galicia para situar a comunidade autónoma como un referente internacional nestas tecnoloxías no horizonte do 2030.
"Recibir o Premio Impulso Dixital Galicia por parte do CPEIG é unha honra para o consorcio QUORUM e agradecémolo profundamente. Este recoñecemento é un reflexo de que o traballo que estamos desenvolvendo conxuntamente é relevante e necesario. O desenrolo de tecnoloxías cuánticas marcará a diferencia entre ser espectadores ou protagonistas do futuro, e cremos que é esencial seguir xerando contornos como este que fomenten o talento e a transferencia de coñecemento científico. Galicia e España contan con capacidade e talento para ocupar unha posición de referencia neste campo. Este premio anímanos a continuar por ese camiño”, sinala o director xeral de Gradiant, Luis Pérez Freire.
Luis Pérez; o Head of Quantum Technologias de Gradiant, Miguel Ferreira; Cora Vinagre, Innovation Manager de International Quantum Center de Fujitsu; e Alberto Calvo, co-fundador e CTO de QCentroid recollerán o galardón na ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.