Enxeñería Sen Fronteiras Galicia premia esta acción cunha mención especial no “I Concurso de Iniciativas de tecnoloxía para o ben común aplicadas ao eido profesional”
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) prosegue este ano coa iniciativa “Robótica hospitalaria para humanizar a atención sanitaria”, posta en marcha en 2024, en colaboración da Consellería de Sanidade, para introducir a robótica social como ferramenta co fin de mellorar o benestar emocional dos pacientes e humanizar a contorna hospitalaria.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, explica que os hospitais son espazos onde a tecnoloxía adoita estar vinculada a procedementos clínicos, maquinaria ou dispositivos médicos. Por iso, o Colexio propón utilizar robots como apoio emocional, lúdico e motivacional, co obxecto de completar o labor do persoal sanitario, sobre todo, nas áreas de pediatría, xeriatría e saúde mental leve. “Buscamos diminuír a ansiedade en pacientes pediátricos ante determinadas probas médicas, mellorar a motivación e interacción en persoas maiores e conseguir unha maior participación dos familiares”, sinala.
Neste ano, o CPEIG indica que se realizarán unha ducia de accións en diferentes centros hospitalarios galegos, chegando a máis de 135 pacientes –nenos, adolescentes e persoas maiores con estadías medias e longas–, coa participación de 40 profesionais sanitarios, unha trintena de familiares, e unha ducia de profesionais tecnolóxicos voluntarios responsables de impartir os talleres. Ademais, está prevista a publicación dun manual de boas prácticas en robótica hospitalaria e a creación dun pequeno repositorio audiovisual de libre difusión.
A ONG de cooperación ao desenvolvemento Enxeñería Sen Fronteiras Galicia premia ao CPEIG por esta iniciativa cunha mención especial no “I Concurso de Iniciativas de tecnoloxía para o ben común aplicadas ao eido profesional”, certame enmarcado no proxecto ESFpro (Tecnoloxía para o ben común e os dereitos humanos nos ámbitos profesionais tecnolóxicos de Galicia), financiado con fondos de Cooperación Galega da Xunta de Galicia.