Estudantes de primaria e secundaria de diferentes centros galegos participarán na xornada de forma remota e presencial, que se completará cunha visita ao superordenador Finis Terrae III e ao ordenador cuántico galego Qmio
A doutora en Química Teórica e Modelización Molecular Marta Castiñeira, a catedrática en Enxeñaría de Computadores Patricia González, a investigadora do CITIC Hilda Romero e a enxeñeira en Telecomunicacións Aránzazu Sucasas explicarán as súas experiencias profesionais ao alumnado
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza xunto ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dependente da Axencia Galega da Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), e á Secretaria Xeral de Igualdade a décimo cuarta edición do “Día Internacional das Rapazas nas TIC” (International Girls in ICT Day), actividade destinado a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.
O evento celebrarase o vindeiro xoves, 23 de abril, de 11:00 a 13:30 horas na sede do CESGA. O acto será inaugurado pola directora da Axencia Galega da Innovación e presidenta do CESGA, Carmen Cotelo Queijo; a directora Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez; e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
A actividade, destinada ao alumnado de primaria e secundaria de Galicia, consistirá nunha coloquio virtual aberto, que se retransmitirá en vivo a través de Internet, no que participarán catro profesionais galegas. As tecnólogas contarán, dun xeito ameno e detallado, a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todas e todos. Participarán na mesa redonda, moderada pola coordinadora da área e-learning do CESGA, María José Malmierca, catro destacadas tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: Marta Castiñeira Reis, Patricia González Gómez, Hilda Romero Velo e Aránzazu Sucasas Hermida.
Participarán na actividade diferentes centros escolares galegos. Os estudantes poderán aprender dos testemuños, traxectorias, experiencias, dificultades e éxitos, ademais de formularlles preguntas, dúbidas e pedirlles consellos ás profesionais. Tamén de forma presencial e ao remate do coloquio, o alumnado presente no CESGA realizará unha visita guiada ás instalacións do centro para coñecer o superordenador Finis Terrae III e o ordenador cuántico galego Qmio. A inscrición dos centros educativos no coloquio aínda está aberta na web https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/.
“Este evento está dirixido a dar visibilidade ao colectivo de mulleres profesionais e investigadoras galegas no eido das TIC, así como ofrecer un espazo de intercambio e comunicación entre elas e as rapazas e rapaces dos centros de primaria e secundaria de Galicia”, indica Fernando Suárez.
Traxectoria profesional das catro tecnólogas do coloquio virtual aberto
Marta Castiñeira Reis traballa no CESGA como técnica de investigación en simulación computacional e análise de datos no proxecto EDD-DATAlife. É doutora en Química Teórica e Modelización Molecular pola Universidade de Vigo (2019), unha área que utiliza métodos computacionais para estudar a estrutura, as propiedades e a reactividade das moléculas. Durante a súa tese de doutoramento e a súa etapa de posdoutoramento investigou procesos de catálise, é dicir, reaccións químicas aceleradas ou dirixidas por certas substancias para obter novos compostos de interese, incluídos posibles fármacos. Tamén traballou en astroquímica, estudando como se forman moléculas no espazo e que procesos químicos poden ter lugar en condicións extremas, como as do medio interestelar. Ao longo da súa carreira foi investigadora na Universidade de Groningen e na Universidade de Santiago de Compostela, e 2024 foi nomeada profesora axudante doutora na Universidade de Alcalá de Henares. O seu traballo combina química, física, informática e análise de datos para responder preguntas complexas sobre a materia, tanto na Terra como no universo.
Patricia González Gómez é catedrática e investigadora no Departamento de Enxeñaría de Computadores da Universidade da Coruña. A súa investigación céntrase na computación de alto rendemento, incluíndo o uso de supercomputadores, computación na nube (cloud) e análise de grandes volumes de datos (big data) para resolver problemas científicos complexos. Tamén traballa en áreas como a bioinformática e o desenvolvemento de métodos avanzados para acelerar cálculos e analizar gran-des cantidades de información. Coordinou o Máster en Computación de Alto Rendemento e ocupou varios postos directivos na Universidade da Coruña.
Hilda Romero Velo é investigadora no CITIC e candidata a doutora en Computación pola Universidade da Coruña (UDC). Con formación en Música e Informática, e experiencia como pianista e gaiteira, centra a súa investigación na Recuperación de Información Musical e na Etnomusicoloxía Computacional. Traballa especialmente coa música de tradición oral, como a galega e a irlandesa, empregando metodoloxías e algoritmos da informática e da bioinformática para analizar e comparar melodías co obxectivo de comprender as relacións entre diferentes tradicións musicais. Ade-mais, desenvolve ferramentas que apoian a aprendizaxe de partituras e sistemas capaces de buscalas a partir dunha cantaruxada ou da interpretación dunha melodía nun instrumento.
Aránzazu Sucasas Hermida traballa en Telefónica e actualmente é candidata a doutoramento na Universidade de Vigo (UVigo), onde desenvolve unha investigación centrada na segmentación de lesións mamarias en resonancia magnética para a detección precoz do cancro de mama. É licenciada en Enxeñaría de Telecomunicacións (Universidade de Vigo, 1998) e conta cun Máster en Enxeñería Biomédica e Saúde Dixital (Universidade de Sevilla, 2025). Na actualidade traballa en Optimización Radio en Telefónica Móviles, centrada na análise e mellora do rendemento das redes móbiles (5G, 4G e 3G) para garantir a calidade dos servizos de voz e datos. Anteriormente desenvolveu tarefas de planificación e deseño de redes móbiles, participando en proxectos nacionais como o deseño de sistemas de Tarificación Prepago, así como en proxectos internacionais como a implementación da Interface de Xestión da Rede Intelixente (Roma).
Desde 2012, o CESGA é impulsor o Proxecto Europeo “ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT” (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega “Rapazas Emprendedoras nas TIC” na que colabora o CPEIG no marco do Plan Proxecta da Consellería de Educación, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de secundaria e últimos de primaria para proporcionarlles unha imaxe máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico cara lograr unha maior presenza feminina no eido das TIC.
Outras entidades que colaboran na organización da xornada: Xunta de Galicia, Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, sección Galicia (AMIT-Gal); Asociación .GAL; Universidade de Santiago (Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade); Facultade de Informática da Universidade da Coruña; Universidade de Vigo (Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións); e as asociacións Hello Sisters! e GalsTech.
Máis información, programa, inscricións e streaming da xornada: https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/