A asociación de emprendedores máis grande de Galicia suma 130 socios que pertencen ao ecosistema e representan a preto de 200 startups
A súa presidenta, a lucense Carmen Pumariño, recollerá o recoñecemento na celebración da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que terá lugar o 12 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Iniciativa Emprendedora da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia 2026’ a Startup Galicia, a asociación de emprendedores máis grande de Galicia, con 130 socios que pertencen ao ecosistema e que representan a preto de 200 startups. A misión de Startup Galicia é xerar ecosistema de emprendemento tecnolóxico e innovador en Galicia. É unha comunidade aberta e inclusiva, liderada por persoas emprendedoras, dinámica, e colaborativa para impulsar o emprendemento en, con talento galego ou dende Galicia.
Segundo o CPEIG, Startup Galicia destaca polo seu papel clave no ecosistema emprendedor galego. “Desde 2016, esta comunidade impulsou o emprendemento tecnolóxico cunha filosofía de colaboración xenuína, conectando persoas, dando visibilidade a ideas e acompañando a quen se anima a innovar. Con case dez anos de percorrido, converteuse nun punto de referencia natural para calquera emprendedor, desde quen comezan ata quen escala internacionalmente. Startup Galicia visibiliza o talento galego en tecnoloxía e innovación, promovendo resultados sen buscar protagonismo. Por iso, este premio é un merecido recoñecemento ao impacto real e positivo que ten a asociación no ecosistema emprendedor da nosa comunidade”, destaca o Colexio.
Desde Startup Galicia están convencidos do impacto do seu traballo na sociedade galega, “porque traballar para o ecosistema é bo para todos, retroalimenta o noso ecosistema e, por tanto, a Galicia: dá osíxeno ás startups que xeran postos de traballo e oportunidades, ás persoas que lideran e traballan nestes proxectos que conectan con outras persoas con retos similares, aos BAs (Business Angels, polas súas siglas en inglés), é dicir, aos investidores que se comprometen, aportan capital e poden gañar cartos coas startups, ou ben ás tractoras/corporacións que logran competitividade grazas á innovación”.
No seus preto de 10 anos de historia, Startup Galicia vén dinamizando o ecosistema con actividades que axuden a conectar e aflorar as iniciativas emprendedoras en fase máis inicial, apoiar e facer seguimento das novas compañías que xorden, impulsar formacións apoiando as súas necesidades, organizar eventos para axudar nas relacións entre startups e empresas tractoras, investidores e mentores, e empurrar ás vendas e visibilizar os proxectos en Galicia e máis alá tanto a nivel nacional como internacional.
As súas accións, que achegan valor á comunidade, resúmense en inspirar, compartir e aprender. Inspiran, por exemplo, a través de novos referentes nos eventos “ask me anything” ou nos “mentor office hours”; comparten nas esmorgas, citas informais entre cervexas para facer contactos, ou nas súas canles online; e aprenden en espazos como os fiadeiros, as súas formacións, ou nos formatos Conecta Empresas, centrados en poñer en contacto empresas xa consolidadas con novos proxectos. En total, os eventos de Startup Galicia acadaron máis de 1.000 asistentes no último ano.
Unha das ferramentas coas que traballa é o seu mapa do emprendemento, con preto de 200 startups localizadas. A través das plataformas corporativas de Startup Galicia teñen impacto en 10.000 persoas vencelladas ao ecosistema emprendedor. O seu boletín quincenal é un dos elementos de divulgación máis importantes, con preto de 1.500 subscritores, que xunto coa súa canle en Slack, con preto de 1.400 usuarios, dan dinamismo e capilaridade a toda información que trasladan á comunidade. Por último, nas súas redes sociais suman 7.000 seguidores, que lles axudan a amplificar máis as mensaxes.
Actualmente, Startup Galicia traballa a través de alianzas con outros actores relevantes do ecosistema galego, privados, públicos e institucionais para tecer redes que poidan impulsar aos emprendedores de calquera cidade.
A presidenta de Startup Galicia, Carmen Pumariño (Lugo, 1989), recollerá o galardón na gala da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 12 de xuño no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A NOITE é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.