Pasar al contenido principal

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP recibe o Premio Impulso Dixital de Galicia do CPEIG polo seu “liderado estratéxico na construción dunha Galicia más innovadora, dixital e preparada para enfrontar os retos do futuro”

Premio Impulso Dixital de Galicia

O departamento da Xunta impulsa iniciativas pioneiras en España, como o Plan integral de benestar dixital, a futura Lei de Educación Dixital de Galicia ou a posta en marcha da primeira Fábrica de Intelixencia Artificial aplicada á saúde en España

O conselleiro, Román Rodríguez, recollerá a distinción na gala da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 12 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Impulso Dixital de Galicia da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia 2026’ á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia polo seu “liderado estratéxico na construción dunha Galicia más innovadora, dixital e preparada para enfrontar os retos do futuro”.

Segundo o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, nun momento de profunda transformación tecnolóxica, “Galicia situouse á vangarda estatal gazas ao impulso de iniciativas pioneiras que combinan innovación, dixitalización, investigación e desenvolvemento do talento”. Entre elas destacan o Plan integral de benestar dixital, unha iniciativa sen precedentes en España orientada a promover un uso responsable, saudable e equilibrado da tecnoloxía entre a cidadanía; e a nova Lei de Educación Dixital de Galicia, primeira normativa autonómica destas características, concibida para formar ás novas xeracións en competencias dixitais, pensamento crítico e cidadanía dixital.

Xunto a estas actuacións, o CPEIG lembra que a aposta polo coñecemento e a innovación materializouse en proxectos estratéxicos de gran alcance, como a posta en marcha da primeira Fábrica de Intelixencia Artificial aplicada á saúde en España; o impulso da marca I+G+i para visibilizar a ciencia e a innovación desenvoltas en Galicia; o reforzo das tecnoloxías cuánticas como ámbito tractor de futuro; e o liderado de alianzas internacionais destinadas a situar á Península Ibérica como un referente tecnolóxico europeo.

“Todas estas iniciativas comparten unha visión común: situar ás persoas no centro da transformación dixital, impulsar a xeración de coñecemento, atraer e desenvolver talento, e converter a innovación nun motor de progreso económico e social”, apuntou Suárez.

A Xunta aprobou en xaneiro de 2025 o Plan integral de benestar dixital, a folla de ruta para xestionar de forma axeitada a utilización das tecnoloxías no eido educativo e contribuír, deste xeito, á formación de cidadáns dixitais que fagan un uso consciente, responsable e comprometido das mesmas. Inclúe medio cento de accións, como o contrato de vida en liña para fomentar  a responsabilidade e a desconexión do alumnado, un documento voluntario que asinarán o centro e o alumnado, de acordo coa familia, sobre uso das tecnoloxías fóra do horario escolar. O plan da Consellería de Educación leva aparellado un orzamento de 7,4 millóns de euros para desenvolver estas actuacións nun período de cinco anos ata 2030. Ademais, creouse un foro anual de reflexión para revisar a evolución do plan, así como accións de sensibilización e de formación do alumnado, familias e profesorado.

Tamén a Xunta presentou o Anteproxecto da Lei de educación dixital de Galicia, unha norma pioneira que sitúa a Galicia na vangarda a nivel estatal no uso seguro e responsable da tecnoloxía para favorecer a calidade, a igualdade de oportunidades e unha atención personalizada no ensino. Este texto contempla unha medida pola que se dotará ao alumnado desde 5º de Primaria dunha conta de correo oficial para fins educativos, con parámetros de seguridade e privacidade. Outras medidas novidosas que introduce a lei son o emprego da tecnoloxía en función da etapa e da madurez, o dereito á desconexión dixital, as canles de comunicación entre centros e familias ou os usos prohibidos e permitidos da intelixencia artificial. Tamén prohibe a gravación das clases por parte do alumnado e as familias e que os profesores poidan difundir en redes exames e actividades dos estudantes, ademais de reforzar a prohibición dos teléfonos móbiles.

A liña de comunicación cuántica terrestre máis longa de España

Outras das liñas de acción da Consellería de Educación é a computación cuántica. En outubro de 2025 alcanzouse un fito histórico para a ciberseguridade coa posta en funcionamento en Galicia a liña de comunicación cuántica terrestre máis longa de España e tamén unha das maiores de toda Europa: 120 quilómetros que unen a partir de agora Santiago de Compostela e Vigo, en concreto o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Vigo Quantum Communication Center (VQCC) da Universidade de Vigo (UVigo). Desenvolto por investigadores do CESGA co apoio do centro vigués, o enlace é posible grazas ao convenio subscrito entre o CESGA e Red.es e o financiamento do Plan complementario de comunicacións cuánticas. Entre outras posibilidades, o sistema permitirá desde a protección de infraestruturas críticas, como comunicacións gubernamentais e control de tráfico aéreo, ata a seguridade de transaccións bancarias e datos de saúde da cidadanía. A nova tecnoloxía despregada, que facilitará establecer comunicacións ultra seguras, ampliarase tamén a outros puntos da rede galega de investigación.

O Goberno galego tamén confirmou o mes pasado que ampliará ata Portugal a liña de comunicación cuántica Santiago-Vigo, situándose como referente dunha rede clave para a ciberseguridade na Unión Europea. A autoestrada galega para transmisións ultra seguras de 120 quilómetros estenderase ata Valença, o que supón un paso crucial na formación da rede europea. Esta ampliación é posible grazas ao proxecto europeo IberianQCI entre Galicia e Norte de Portugal, con 10,6 M€ de orzamento para conexións transfronteirizas.  

Outras medidas innovadoras da Xunta, a través da Consellería de Educación, son a creación do novo ‘datacenter’ do CESGA e a  futura fábrica de IA, iniciativas que poñen a Galicia na vangarda europea do sector. O novo edificio reforzará as capacidades do Centro de Supercomputación de Galicia grazas ao superordenador Finisterrae IV, un novo sistema de almacenamento e un computador cuántico. O investimento da nova infraestrutura, situada no polígono santiagués da Sionlla, ascenderá a 56 millóns de euros -entre construción e equipamento-, cofinanciados con fondos europeos.
  
Tamén están a desenvolver a futura fábrica de intelixencia artificial, 1HealthAI, que consolidará Galicia como un nodo tecnolóxico e estratéxico a nivel europeo. Será a factoría de IA máis especializada das 19 que hai en Europa e é a terceira con mellor puntuación, que permitirá grandes avances en materia de saúde humana, animal e ambiental con aplicación en retos como a vixilancia de epidemias ou a detección temperá de lumes. A iniciativa está liderada polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e coliderada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Outra incorporación foi a inauguración en abril da maior estación de España para comunicacións espaciais con tecnoloxía cuántica. É a estación óptica terrea para comunicacións cuánticas ‘Antonia Ferrín’, situada no Campus de Vigo da Universidade de Vigo (UVigo), a maior de España e que sitúa a Galicia nunha posición de vantaxe no campo da transmisión espacial de máxima seguridade. 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, recollerá o galardón na gala da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 12 de xuño no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A NOITE é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.