Pasar al contenido principal

Representantes do colexio acoden a Ourense para difundir o coñecemento da firma electrónica

Símbolo do CPEIG

Representantes do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participarán de xeito destacado nas xornadas Informática e Legalidade, que promove a Organización Precursora de Iniciativas do Campus de Ourense (OPICO) durante os días 15, 22 e 29 do presente mes de abril na Cidade das Burgas. Entre outros, intervirán no encontro o presidente do ente colexial, Fernando Suárez Lorenzo, e o secretario do mesmo, Juan Valiño García. O foro desenvolverase no Edificio Politécnico.

As xornadas, abertas ao público en xeral, están orientadas especialmente a estudantes de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática, así como a alumnos de Dereito. O obxectivo é, por unha banda, introducir os enxeñeiros asistentes nos aspectos xurídicos que afectan ao exercicio da profesion informática e, por outra, que os futuros legalistas obteñan unha mellor perspectiva da informáica e de como as cuestións legais inciden nunha profesión cada día máis indispensable na sociedade.

Mentres que o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, asistirá á presentación das xornadas mañá mércores, día 15 ás 16.30 horas, o secretario, Juan Antonio Valiño García, intervirá o vindeiro día 29 cun relatorio sobre a sinatura electrónica.

Autenticidade, confidencialidade e integridade

A sinatura electrónica, un dos usos da certificación dixital, garante: por unha banda, a identidade do remitente ou autor; por outra, que o seu contido non sexa visualizado por terceiras persoas non autorizadas e, ademais, que non sexa modificado con posterioridade ao seu envío. As tres características sinaladas denomínanse autenticidade, confidencialidade e integridade, respectivamente. Deste xeito, a sinatura electrónica permite realizar transaccións dixitais garantindo a identidade dos axentes que interveñen e o contido mesmo das transaccións, polo que representa un aval de seguridade.

Esta tecnoloxía permite, por exemplo, certificar o remitente dun correo electrónico, garantir a identidade das persoas que interveñen nunha transacción económica ou axilizar a solicitude dunha subvención ou mesmo a declaración do IRPF mediante a web. Segundo o CPEIG, as vantaxes da sinatura dixital teñen un gran potencial no eido da e-administración, posto que mediante ela se transforman as oficinas tradicionais baseadas en procesos sobre papel en procesos electrónicos a partir de formularios web que permiten a "oficina sen papeis", coa conseguinte mellora na produtividade e simplificación das actividades que teñen lugar no día a día nas diferentes organizacións.

Na práctica diaria, a sinatura e certificación dixitais aínda están en período de implementación. Mentres que as distintas administracións públicas apostan decididamente por estas tecnoloxías, no eido privado o seu desenvolvemento está menos acelerado.