Pasar al contenido principal

A Asociación de Internautas denuncia á ministra de Cultura

Logotipo asociación de internautas

Hai dous meses, a Asociación de Internautas facía público un informe no que recollía unha serie de incompatibilidades que a AI entendía como un impedimento ao labor da ministra González Sinde, procedente da industria do cine. Segundo a AI, a ministra carece da aptitude, imparcialidade e neutralidade que esixe o desempeño do seu cargo, por considerar que mantén intereses persoais e familiares na industria cinematográfica.

Agora, a AI deu un paso máis presentado unha denuncia ante a Oficina de Conflitos de Intereses, tras a recente publicación no BOE da concesión de axudas á industria cinematográficas por valor de 8 millóns de euros, e que a AI entende como unha posible ilegalidade.

A Ai ampárase no establecido pola Lei 5/2006, do 10 de abril, de regulación dos conflitos de intereses dos membros do Goberno e dos altos cargos da Administración Xeral do Estado, cuxo obxectivo é establecer as obrigas que incumben aos membros do Goberno e aos altos cargos administrativos para previr situacións que poidan orixinar conflitos de intereses.

A AI apela na súa demanda entre outros ao artigo 4 da devandita lei, que establece que "hai conflito de intereses cando os altos cargos interveñen nas decisións relacionadas con asuntos nos que conflúen á vez intereses do seu posto público e intereses privados propios, de familiares directos, ou intereses compartidos con terceiras persoas".

Por todo iso, solicita "a inmediata cesación de toda actividade derivada do Ministerio de Cultura, en cuxos resultados económicos puidese ter intereses directos ou indirectos a Excma Sra Dª. Ángeles González-Sinde, actual Ministra de Cultura" e que impoña as sancións que correspondan.