Pasar al contenido principal

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia recibiu 4.014 solicitudes para asistir a cursos entre outubro de 2008 e xuño de 2009

Logotipo de Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia

A formación impartida caracterizouse por ser unha formación intensiva, práctica, de calidade, orientada ao mundo laboral e gratuíta.

Perto do 55% dos cursos ofreceron aos alumnos a posibilidade de realizar, tamén de xeito gratuíto, un exame de certificación que garanta o plenodominio do produto.

O Centro consolidou o seu carácter aberto e de neutralidade tecnolóxica mediante o establecemento de acordos de colaboración cos principais fabricantes TIC.

Deseñouse un modelo estable de colaboración entre a Administración e a empresa mediante a sinatura de convenios con asociacións empresariais e multisectoriais do sector TIC galego.

A web do Centro de Novas Tecnoloxías rexistrou case 72.000 visitas dende a súa inauguración o pasado mes de setembro de 2008.

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia recibiu, no período formativo comprendido entre outubro de 2008 e xuño de 2009, 4.014 solicitudes para a realización de cursos. Trátase dun número de solicitudes moi importante tendo en conta o carácter técnico e especializado dos cursos e a súa metodoloxía presencial.

En concreto, completáronse 51 accións formativas, 17 por trimestre, nas que se ofertaron 762 prazas, sendo 3.152 o número de horas de formación impartidas.

Destacar o carácter social da oferta formativa que, pola súa gratuidade, resulta accesible a todos os seus demandantes independentemente do seu poder adquisitivo.

O número de alumnos admitidos ás accións formativas foi de 733, 96,19% das prazas ofertadas, dos cales 702, 92,13%, iniciaron o curso. A porcentaxe de alumnos que remataron unha acción formativa acadou o 88,06% da oferta do CNTG.

Atendendo ao seu carácter de activo ou desempregado o 53,30% dos alumnos eran ocupados do sector privado, o 38,00% desempregados e o 8,70% restante pertencían ao sector público, sendo o 79,20% homes e o 20,80% mulleres.

Salientar que para acceder a calquera dos cursos impartidos polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia cómpre superar unha proba previa que permite seleccionar a aqueles solicitantes cos coñecementos necesarios para facer fronte aos contidos da formación que van recibir e configurar grupos o máis homoxéneos posibles.

Dos 51 cursos ofertados, 28, o 54,90%, ofreceron ao alumno, como valor engadido, a posibilidade de realizar de xeito gratuíto algún exame de certificación. Esta porcentaxe se incrementará ata máis aló do 75% en futuras ofertas formativas.

Durante o presente mes de xuño vanse realizar diversas xornadas de certificación no CNTG que, sumadas ás xa celebradas nos meses de xaneiro e abril, permitirán a máis de 300 profesionais ter a posibilidade de certificarse, de xeito gratuíto, en diversas ferramentas TIC. Estas certificacións posúen recoñecemento, prestixio e validez mundial.

A traslación dun dos obxectivos primordiais do CNTG, o establecemento dun modelo estable de colaboración entre a Administración e a empresa, manifestouse na sinatura de acordos de cooperación con diversas asociacións empresariais da nosa comunidade, tales como Agestic, Eganet ou Ineo. Froito destes acordos foi a realización de diversos seminarios tecnolóxicos e xornadas informativas, sensibilizadoras ou dinamizadoras tales como a xornada sobre a LOPD, a xornada sobre accesibilidade web, o seminario sobre calidade do software, a xornada sobre seguridade da información (UNE - ISO 27001), todas elas en colaboración con
Agestic, ou a presentación da iniciativa para emprendedores linktoStart da fundación INLEA.

A posta en marcha do CNTG supuxo o fito de incorporar ao proxecto formativo, implicándolles directamente no proceso de control de calidade, aos fabricantes propietarios da tecnoloxía correspondente aos cursos a impartir: Adobe, CA, Cisco, Hewlett Packard (HP); International Business Machines (IBM), Microsoft, Novell,
Oracle, SAP e Sun. A finais de marzo, o CNTG chegou a un acordo con Red Hat, primeiro destas características asinado en Europa por esta compañía, polo que se acordaban liñas de colaboración entre ambas partes.

Como factor ilustrativo do elevado interese pola oferta formativa do centro, o número de visitas realizadas á súa páxina web, no período transcorrido entre setembro de 2008 e o 31 de maio, atinguiu a cifra de 71.675 accesos, cunha media diaria de 263 visitas. A dirección a través da que se pode acceder ao portal do Centro de Novas
tecnoloxías de Galicia, onde está recollida toda a información sobre os cursos, é a seguinte: http://cntg.xunta.es