Pasar al contenido principal

O colexio e a Xunta de Galicia organizan unha xornada sobre o estado actual da sinatura electrónica con expertos de toda españa

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coa Xunta de Galicia, organiza a xornada Construíndo a Indentidade Dixital, que reunirá un amplo número de expertos para abordar a sinatura electrónica desde diferentes puntos de vista: os prestadores de servizos, a administración electrónica, os servizos de certificación dixital e a seguridade, entre outros. A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, inaugurarán a xornada o vindeiro día 26 de xaneiro na Escola Galega de Administración Pública, xunto co director da mesma, Pablo Figueroa Dorrego.

A xornada servirá de presentación do libro Construíndo a Identidade Dixital. Situación actual da sinatura electrónica e das entidades de certificación, elaborado polo colexio, e que estará publicado no portal do CPEIG a partir do vindeiro día 25. Moitos dos relatores presentes na xornada contribuíron á realización do devandito estudo mediante as súas reflexións e análises.

As persoas interesadas en asistiren á xornada deberán inscribirse no formulario dispoñible no portal do CPEIG: http://www.cpeig.org. O prazo de inscrición remata o vindeiro día 24. A asistencia á xornada non supón ningún custo económico.

Esta xornada desenvólvese no marco do convenio establecido entre o Colexio e a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. Esta actuación forma parte das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal da Xunta de Galicia.

[ descargar informe ]