Pasar al contenido principal

Declaración institucional: Día Europeo da Protección de Datos

Símbolo do CPEIG

Hoxe, 28 de xaneiro, promovido polo Consello de Europa, celébrase  o Día da Protección de Datos. Esta celebración remóntase ao ano 2006 e ten como obxectivo principal impulsar o coñecemento dos dereitos en materia de protección de datos e privacidade entre os cidadáns. Ese ano, o Comité de Ministros do Consello de Europa estableceu a celebración anual do Día da Protección de Datos en Europa o día 28 de xaneiro, en conmemoración do aniversario da sinatura do Convenio 108 do Consello de Europa para a protección de persoas con respecto ao tratamento automatizado de datos de carácter persoal.

Desde o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), queremos achegar a nosa pequena contribución ao pulo do coñecemento dos dereitos en materia de protección de datos e privacidade entre os cidadáns, divulgar  o bo uso da información persoal e  fomentar as prácticas  respectuosas cos dereitos existentes.

Como recolle a Lei 11/2007, de acceso electrónico dos cidadáns aos Servizos Públicos, na súa excelente exposición de motivos, determinadas idades da humanidade recibiron a súa denominación das técnicas que se empregaban nas mesmas e hoxe poderíamos dicir que as tecnoloxías da información e as comunicacións están afectando tamén moi profundamente á forma e mesmo ao contido das relacións dos seres humanos entre si e das sociedades nas que se integran.

O crecemento económico dos países máis avanzados baséase en gran medida no progreso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Nese sentido, a denominada Estratexia de Lisboa estableceu como obxectivo para 2010 construír en Europa unha economía baseada no coñecemento, máis dinámica, que lograse ser a máis competitiva do mundo, quen de xerar un crecemento económico que contribúa ao mantemento da sociedade do benestar e a cohesión social.

Nesta transformación tecnolóxica global na que as relacións electrónicas están adquirindo maior presenza e relevancia, a acumulación e manexo da información se produce de forma masiva, sendo a información relativa ás persoas a máis apreciada e valorada, debido ao poder que confire a quen a posúe. As novas tecnoloxías facilitan a recollida, almacenamento, xestión e transmisión de dita información. Porén, existen riscos como os resultantes da manipulación e interrelación de datos illados ata obter auténticos perfís de personalidade dos individuos. Por tanto, a xeración de confianza neste novo medio de interacción, tanto persoal como comercial, é crucial para que chegue a todos os estratos sociais e económicos da nosa sociedade.

Os conceptos de dato de carácter persoal, intimidade e dereito á honra non poden empregarse indistintamente, posto que a garantía da vida privada da persoa e da súa reputación posúen hoxe unha dimensión positiva que excede o ámbito propio do dereito fundamental á intimidade. É, por tanto, necesaria a defensa do individuo e do seu dereito fundamental á protección dos seus datos persoais, recollido na propia Constitución Española, e entendido como a súa facultade para decidir cándo e baixo qué límites debe revelar datos sobre a súa persoa. Este poder de disposición sobre os propios datos persoais de nada vale se o afectado descoñece qué datos son os que se posúen por terceiros, quén os posúen e con qué fin. Aí radica a importancia de estar seguro de que o control dos mesmos está, en principio, no ámbito de poder xurídico do propio interesado.

Por todo o expresado, resulta fundamental o labor pedagóxico e de difusión en todos os estratos sociais. Froito desta necesidade nacen iniciativas como a que hoxe celebramos, cuxo principal obxectivo é impulsar o coñecemento entre a cidadanía dos dereitos e deberes nesta materia. Este labor de concienciación é preciso que comece cos máis novos, mediante a formación do profesorado para que llo transmitan ao alumnado de todas as etapas e ciclos educativos.

No novo contexto tecnolóxico, a enxeñaría en informática toma cada vez máis relevancia tanto á hora de estender o coñecemento da lexislación asociada (protección de datos, propiedade intelectual, comercio electrónico, etc.) a usuarios e profesionais, como na implantación e desenvolvemento dos novos sistemas e tecnoloxías da información coas garantías suficientes. A crecente complexidade de aqueles fai necesario apoiarse na utilización de ferramentas e normativas e nunha metodoloxía de traballo para poder abordar de modo continuo a auditoría das medidas establecidas pola LOPD. É aí onde os enxeñeiros en informática teremos un papel protagonista nos próximos anos.