Pasar al contenido principal

O cpeig pide que os/as Enxeñeiros/as en Informática poidan concorrer ás prazas de analista programador convocadas pola CRTVG

Fernando Suárez Lorenzo

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a través do seu presidente, Fernando Suárez Lorenzo, presentou esta mesma semana un recurso contra a resolución da Dirección Xeral da Compañía da Radio Televisión de Galicia pola cal se convoca un proceso extraordinario de consolidación de emprego no que se inclúen unhas prazas de Analista Programador. O CPEIG pide que se engada como requisito para o acceso a esas prazas estar en posesión do título en Enxeñaría Técnica en Informática ou en Enxeñaría en Informática.

No DOG do pasado 2 de febreiro publicouse a resolución do 25 de xaneiro da Dirección Xeral da CRTVG pola que se convoca un proceso extraordinario de consolidación de emprego para a provisión de vacantes por persoal laboral fixo na Compañía de Radio-Televisión de Galicia e nas súas sociedades, Televisión de Galicia S.A. e Radiotelevisión Galicia S.A. Entre outras prazas, figuran catro de Analista Programador para as que se fixa como requisito estar en posesión dun título dun ciclo superior da familia de Informática ou equivalente, ou o título de Bacharelato máis un ano de experiencia.

O recurso de reposición presentado polo CPEIG pide que se estime e acorde engadir como requisito para o acceso ás prazas de analista programador estar en posesión do título de Enxeñaría Técnica en Informática ou de Enxeñaría en Informática.

Convén lembrar que o artigo cinco dos estatutos do CPEIG recolle como fin esencial do colexio "a representación exclusiva desta profesión e a defensa dos intereses profesionais dos titulados/as". Así mesmo, o artigo seis engade como función do colexio "exercer a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins e, especialmente, a representación e defensa da profesión ante calquera administración pública, institución, tribunal, entidade e particular, podendo exercitar o dereito de petición conforme á Lei e propoñer cantas reformas lexislativas estime xustas para a defensa da profesión".