Pasar al contenido principal

"A cooperación entre as distintas administracións é clave para a interoperabilidade"

Inauguración Xornadas Relacións da Empresa coa Administración Electrónica

O catedrático de Dereito Informático Miguel Ángel Davara Rodríguez interveu esta mañá como relator nas xornadas As Relacións da Empresa coa Administración Electrónica, organizadas polo CPEIG e a Xunta, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, e á que asisten un cento de estudantes, profesionais e funcionarios. A xornada foi inaugurada polo reitor da USC, Juan Casares Long, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da USC, Mar Pereira. O encontro continuará ata o xoves, día 5.

Na súa intervención, Davara referiuse a que a Lei 11/2007, de 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos Servizos Públicos recolle como un dereito dos cidadáns o de non achegar os datos e documentos que obren en poder das Administracións públicas. Para o relator, a partir dese dereito nace a "correlativa obriga de todas as Administracións públicas a facer interoperables os documentos electrónicos de calquera índole que teñan para poder facer efectivo o dereito da cidadanía". 

En opinión do catedrático, calquera desenvolvemento tecnolóxico que se realice na Administración pública debe ter presente, cando afecte directamente a dereitos dos cidadáns, "a necesaria cooperación entre Administracións públicas", xa contemplada na devandita Lei de acceso.

O relator referiuse asemade a que a Comisión Europea xa indicou que a interoperabilidade é unha ferramenta clave xenérica na Administración electrónica. Para Davara, a interoperabilidade debe ser entendida como "a capacidade dos sistemas de información e dos procedementos aos que estes dan soporte de compartir datos e posibilitar o intercambio de información e coñecemento entre eles, xa que doutro xeito non sería posible cumprir co mandato lexislativo relativo ao dereito do cidadán a non achegar datos e documentos que obren en poder das Administracións públicas".

ACTO INAUGURAL

A primeira hora da mañá, no acto inaugural das xornadas, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, destacou o desenvolvemento normativo que representan a Lei 11/2007, de Acceso Electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos, así como o recente Decreto polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e as entidades dela dependentes como "clara mostra da modernización da nosa sociedade e do consiguinte protagonismo que están adquirindo as relacións informáticas e o desenvolvemento da Administración electrónica". As xornadas organizadas polo CPEIG constitúen, ao parecer do seu máximo responsable, unha exemplo innegable do "decidido apoio do CPEIG ao desenvolvemento da Sociedade do Coñecemento en Galicia".

A mesa inaugural estivo composta, ademais de polo reitor e o presidente do CPEIG, pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mar Pereira; a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, Emilia Vázquez Rozas; o director xeral de Relacións Laborais da Xunta, Odilo Martiñá Rodríguez, e Manuel Botana Agra, director do Cecoop da USC.

PROGRAMA DO MÉRCORES, DÍA 4

09.00 h. Contratación electrónica nas entidades locais
Jesús Rodríguez Castro
Xefe de Informática do Concello de Santiago
10.0 h. Contratación electrónica na Xunta de Galicia
Elena Barba Pan
Secretaria xeral da Xunta Consultiva de Contratación
Administrativa.Xunta de Galicia.
12.30 h. A facturación electrónica da Xunta de Galicia
Mauro Fernández Dabouza
Director do CIXTEC

16.30 h. Mesa redonda
A Administración electrónica e a informatización das cooperativas
Manuel Botana Agra
Director do CECOOP USC
Higinio Mougán Bouzón
Xerente de AGACA
Ana Rosa Lorenzo Vila
Federación de Cooperativas Sinerxia