Pasar al contenido principal

O CPEIG abre o prazo de presentación de traballos para o Premio Proxecto Fin de Carreira

Premio Proxecto Fin de Carreira 2011

 O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca a segunda edición do Premio Proxecto Fin de Carreira, dirixido a estudantes de Enxeñaría en Informática que realizaran os seus estudos en Galicia nos últimos dous anos (2010 ou 2011). Mediante este galardón, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes de Enxeñaría en Informática.

Todos aqueles/as estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG deberán remitir os seus proxectos antes do 15 de setembro ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.org. Unha comisión experta, integrada por docentes universitarios e representantes do CPEIG, valorará os traballos recibidos e seleccionará o nome do gañador ou gañadora. A persoa galardoada recibirá 1.000 euros como premio.

O galardón do CPEIG insírese nos Premios da Terceira Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o ente colexial organizará no mes de outubro, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. Este evento anual representa un punto de encontro entre todos os colexiados e conta cunha destacada participación de cargos institucionais e políticos.