Pasar al contenido principal

O CPEIG colabora coa EGAP na elaboración de temarios para as oposicións da Xunta

Logotipo da escola galega de administracións públicas (EGAP)

 O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na elaboración dos temarios das oposicións para os grupos A1 e A2 da escala de sistemas e tecnoloxías da información. Os textos redactados baixo a coordinación do órgano colexial aparecen xa publicados na web da EGAP e poden descargarse no enderezo http://egap.xunta.es/biblioColec.php

A iniciativa enmárcase no compromiso da Xunta de distribuír a través da Internet e de xeito gratuíto temarios para todos os procesos selectivos da Administración autonómica galega. O obxectivo é facilitarlles aos opositores uns textos de referencia, como instrumento complementario que lles sirva de apoio na súa preparación. Neste caso, tratándose dun corpo especial, a EGAP contactou co CPEIG como entidade que o representa para garantir a difusión do material máis axeitado e contrastado.

Cómpre sinalar que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia xa vén colaborando habitualmente coa Escola Galega de Administración Pública no desenvolvemento de actividades de formación e divulgación centradas no eido da informática e das novas tecnoloxías.