Pasar al contenido principal

Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos en Informática máis preto de pertencer ao CATSI

Logotipo do CCII

No día de onte, 5 de setembro de 2011, reuniuse en Madrid, a Comisión Permanente do Consello Asesor das Telecomunicacións e Sociedade da Información, máis coñecido como CATSI.

Entre os puntos da orde do día atopábase a modificación do RD 1029/2002, de 4 de outubro, polo que se establece a composición e réxime de funcionamento do citado Consello Asesor, para incorporar como membros de pleno dereito, un representante dos Colexios Profesionais de Enxeñeiros Técnicos en Informática e outro dos Colexios Profesionais de Enxeñeiros en Informática.

Ambas as entidades colexiais expresan a súa satisfacción por ver cumprida unha demanda que desde decembro de 2009 leva reclamando por lei o colectivo, e na que profesionais, asociacións e colexios profesionais mostraran o seu malestar por non darlle cumprimento até agora.

Ademais, ambas as corporacións agradecen á Secretaría de Estado para as Telecomunicacións e Sociedade da Información, o que finalmente modifiquen o Real Decreto, tal e como ordenaba a Lei de creación de ambos os Consellos e mostran a súa intención de colaborar en todo o posible para mellorar as Telecomunicacións e Sociedade da Información neste país, xa que ambos os Consellos Xerais, cren que chegou o momento de pasar do cable aos servizos, de consumir información a producir coñecemento. 

Por último, ambos os Consellos Xerais, lembran á cidadanía, profesionais, asociacións e colexios profesionais, que seguirán traballando en PROL da regulación do colectivo, xa que non se entende unha cidadanía máis segura nas Tecnoloxías da Información e Comunicación, sen contar coa normalización da situación destes profesionais do mesmo xeito que sucede co resto de enxeñeiros e enxeñeiros técnicos en España.