Pasar al contenido principal

O CPEIG amplía o prazo de convocatoria do Premio Proxecto Fin de Carreira ata o 30 de setembro

Premio Proxecto Fin de Carreira 2011

 O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu ampliar ata o vindeiro día 30 de setembro o prazo de presentación de traballos para optar ao Premio Proxecto Fin de Carreira, dirixido a estudantes de Enxeñaría en Informática que realizasen os seus estudos en Galicia nos últimos dous anos (2010 ou 2011).

O gañador ou gañadora recibirá 1.000 euros e unha estatuíña no transcurso da celebración da Terceira Noite da Enxeñaría en Informática, que se celebrará o vindeiro día 28 de outubro.

Todos aqueles/as estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG deberán remitir os seus proxectos ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.org. Unha comisión experta, integrada por docentes universitarios e representantes do CPEIG, valorará os traballos recibidos e seleccionará o traballo gañador.

O ente colexial busca, a través deste premio, achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes de Enxeñaría en Informática.

O galardón do CPEIG insírese nos Premios da Terceira Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o ente colexial organizará no mes de outubro, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. Este evento anual representa un punto de encontro entre todos os colexiados e colexidas, e conta cunha destacada participación de cargos empresariais e políticos.