Pasar al contenido principal

Os erros informáticos esconden incapacidade para manter datos seguros ou mala praxe

Logotipo do CCII

En relación á noticia aparecida recentemente respecto ao envío dunha carta por parte dun hospital de Barcelona a nome dun bebé falecido na que o hospital solicita o seu número da Seguridade Social, a pesar de que a pequena naceu morta, e ás posteriores declaracións á prensa, na que fontes do centro aseguraron que se trata dun "erro informático", os Consellos Xerais de Colexios de Enxeñeiros e Enxeñeiros Técnicos en Informática queren manifestar que:

  1. Os medios de comunicación deberían ser conscientes de que o que en realidade esconde a expresión "fallo informático" non é máis que o encubrimento da incapacidade para manter os datos dos cidadáns seguros, exactos e postos ao día nalgúns casos, ou ben para construír e deseñar sistemas informáticos seguros.
  2. Sexa como for, sempre hai unha man humana, xa sexa por mal uso ou mal deseño dun sistema informático, e por tanto deberá existir tamén unha responsabilidade concreta e determinada sobre os prexuízos ocasionados.
  3. O concepto "fallo informático" é, por tanto, un eufemismo carente de sentido e debería ser desterrado do vocabulario dos medios de comunicación.
  4. Ambas as entidades profesionais non tolerarán que a depuración das responsabilidades dos acontecementos termine habitualmente nun "fallo informático" e denunciará publicamente aqueles "fallos informáticos" que poidan comprometer o interese xeral, e o seu uso como elemento exculpatorio de responsabilidades políticas, ante a pasividade dos diferentes Gobernos para establecer un marco regulador da informática que garanta a seguridade da cidadanía, apoiada fundamentalmente nun exercicio responsable.
  5. Só unha adecuada ordenación da profesión pode asegurar que os sistemas informáticos que gobernan os nosos transportes, as finanzas, a sanidade, a enerxía, a educación, etc, cumpran co seu labor e que, desta maneira, cada cal asuma as responsabilidades dos seus actos. Unha sociedade cívica constrúese baixo a premisa da responsabilidade, e non da evasión da mesma.
  6. Finalmente, queremos expresar á familia o noso profundo pesar polos feitos acontecidos e ofrecer a axuda dos Consellos Xerais para tratar de esclarecer a verdade dos feitos desde un punto de vista pericial.