Pasar al contenido principal

O CPEIG demándalle ao Grupo Inditex un recoñecemento expreso ao traballo realizado polo sector TIC galego

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de remitirlle ao máximo responsable do departamento informático do Grupo Inditex unha carta na que lle manifesta o desacordo dos membros colexiais coas declaracións efectuadas recentemente polo Grupo Inditex, que considera "un agravio aos profesionais galegos".

Nun comunicado recente, a empresa afirma que o feito de que Inditex radique a facturación dos seus novos negocios en liña en Irlanda responde a que alí "se localiza o coñecemento, experiencia e os recursos tecnolóxicos propios do comercio electrónico".

Desde o punto de vista do CPEIG, esas declaracións representan un desprezo inaceptable cara ao sector das TIC galego e "rozan o insulto aos moitos centos de profesionais do noso sector, na súa grande maioría galegos, que durante os últimos meses deron todo o seu tempo e esforzo, tanto contratados por Inditex como polos moitísimos provedores de TIC implicados, para levar adiante esta experiencia en liña, que está a resultar moito máis exitosa do que a propia empresa nunca imaxinou".

A meirande parte dos coñecementos, a experiencia e os recursos tecnolóxicos desas tendas en liña, tanto dos frontais web coma da enorme infraestrutura loxística que existe por detrás, non procede de Irlanda (onde si están os servidores e a empresa que factura), senón de Galicia, así como doutras partes de España, aínda que en moito menor medida. "Non fai falla que lle lembre que mesmo os almacéns centrais que distribúen a mercadoría están fóra de Galicia e incorporan unha boa cantidade de tecnoloxía desenvolvida na comunidade galega para a súa operativa".

A carta, asinada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, remata afirmando: "Coincidirá comigo en que, nesta época de incertezas económicas e de credibilidade, o que menos necesita o sector TIC galego é que firmas de sona internacional como Inditex ignoren e mesmo menosprecen o traballo dos profesionais de Galicia. Por todo o exposto e a xeito de conclusión, solicitámoslles unha corrección das declaracións emitidas por Inditex, así como un recoñecemento expreso ao labor realizado polo sector TIC galego na posta en marcha das tendas en liña do Grupo Inditex".