Pasar al contenido principal

O CPEIG organiza unhas xornadas sobre Administración electrónica

Xornadas Administración electrónica, Sede, Goberno e Contratación

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o centro de Estudos Cooperativos da USC, as xornadas Administración electrónica, Sede, Goberno e Contratación, previstas para o días 8, 9 e 10 de maio en Santiago de Compostela.

O acceso ás xornadas é libre, aínda que as persoas que requiran o diploma acreditativo cómpre que se inscriban antes do día 7 de maio nos seguintes enderezos electrónicos: cecoop@usc.es ou eventos@cpeig.org, ou persoalmente na Facultade de Económicas e Empresariais.

Precisamente será a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC a que acolla as charlas, que impartirán, entre outros, o subdirector xeral de Inspección de Datos da Agencia Española de Protección de Datos, José López Calvo; o catedrático de Dereito Informático de ICADE, Miguel Ángel Davara; Carlos Guadián Orta, de Autoritas Consulting e Juan Alberto Ramos Cano, responsable de Contidos Dixitais de Telefónica. Como expertos galegos, intervirán María José García Sexto e Carlos Froján Gómez, da Amtega; o avogado Víctor Salgado; o profesor de Dereito Mercantil Rafael Millán Calenti; Martín Gómez, xerente de Bahía Software, e Benito Carballo, xerente de Proxectos de Altia.

As xornadas afondarán no avance que a Administración electrónica, ao abeiro dos progresos do mundo dixital, permite non só para a propia administración, senón tamén para a cidadanía. As sesións enfocaranse desde tres puntos de vista: a sede, o goberno e a contratación electrónicos.