Pasar al contenido principal

A aplicación Galitempo, de Adrián Moreno e Gonzalo Mateo, gaña o certame Open Data do CPEIG

Gañadores Premio Open Data

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) deu a coñecer esta mañá os proxectos gañadores do Primeiro Premio Open Data nun acto celebrado no Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa (Cersia), en Santiago de Compostela. O primeiro premio levouno o proxecto Galitempo, de Adrián Moreno Peña e Gonzalo Mateo Sixto, mentres que o segundo galardón recaeu en Datos Gráficos www.datosgraficos.com, de Ramón Antonio Parada Rodríguez.

Participaron no acto de entrega dos premios o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, e o secretario do ente colexial, Juan José González Cid. Ademais, tamén asistiron os patrocinadores do evento: Emilio José Diez en representación de Bahía Software e David Mosquera por Hewlett-Packard, ademais da primeira tenente de Alcalde e concelleira delegada de Turismo, Economía, Comercio e Mercados do Concello de Santiago de Compostela, Reyes Leis.

600 EUROS PARA O GAÑADOR

O proxecto galardoado co primeiro premio, Galitempo, é unha aplicación para iOS, especialmente deseñada para iPhone, que permite consultar a información meteorolóxica de MeteoGalicia nos dispositivos iOS como son iPhone e iPad. A partir dos ficheiros e imaxes proporcionados diariamente por MeteoGalicia, a aplicación Galitempo procesa e mostra na pantalla a información, adaptada ao formato de pantalla do iPhone para que o seu uso sexa o máis rápido e sinxelo posible.

Os dous autores de Galitempo -que recibiron un total de 600 euros por quedar clasificados no primeiro lugar-, Adrián Moreno Peña e Gonzalo Mateo Sixto, son de Santiago de Compostela e enxeñeiros técnicos en Informática de Sistemas pola USC.