Santiago, 2 de abril de 2013.- Titorizar ás empresas na selección e adopción da solución TIC máis axeitada ás súas necesidades será o obxectivo da Rede de Asesores Tecnolóxicos que porá en marcha o CPEIG coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Esta iniciativa é unha das tres actuacións recollidas no convenio de colaboración asinado esta mañá entre a directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do Colexio, Fernando Suárez. A Axencia achegará 66.000 euros ao CPEIG para o desenvolvemento destas accións.
Asesores Tecnolóxicos
A rede de Asesores Tecnolóxicos dirixirase a pemes, microempesas e autónomos que queiran afrontar unha modernización tecnolóxica do seu negocio para ser máis competitivos. A rede, integrada por profesionais do Colexio, axudará ás empresas a definir as súas necesidades tecnolóxicas en función do seu modelo de negocio e a adoptar aquelas que poidan mellorar a súa eficiencia e produtividade. Nesta selección, primaranse as solucións baseadas en software libre.
Para difundir a iniciativa, realizaranse xornadas presenciais en diferentes cidades galegas, nas que se recollerá información das empresas interesadas en participar no programa de diagnóstico, formación e asesoramento personalizado. A rede dará asesoramento online continuado e permanente aos interesados.
Situación Laboral das Enxeñarías Informáticas
No marco deste convenio o Colexio elaborará un estudo sobre a situación laboral dos profesionais da Enxeñarías en Informática procedentes das tres universidades galegas.
Entre outros indicadores o estudo incluirá a porcentaxe de enxeñeiros que está traballando dentro e fóra de Galicia, a súa distribución xeográfica, o tipo de traballo que están a desenvolver, o tipo de industria e sector que os empregan, as súas necesidades formativas, o grao de satisfacción persoal coa profesión ou as súas expectativas profesionais.
O documento completarase con comparativas respecto a situación existente na edición anterior, correspondente ao ano 2008 e coa situación a nivel estatal.
Actividades formativas e de difusión
O CPEIG realizará tamén actividades de formación destinadas aos profesionais informáticos da Administración autonómica. O itinerario formativo abordará as materias dun xeito fundamentalmente práctico e combinarán a formación presencial e a teleformación.