Pasar al contenido principal

A Consellería de Cultura e Educación porá en marcha a Cuarta Edición do Programa de Concienciación "Navega con Rumbo"

foto firma IV Edicion Navega Con Rumbo

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2013.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) levará a cabo por cuarta vez consecutiva o programa "Navega con Rumbo", enmarcado dentro do proxecto ABALAR, e que contará con 220 accións encamiñadas a guiar aos escolares cara unha navegación segura, tratando de evitar así que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso.

Os especialistas do CPEIG serán os que se acheguen aos diferentes centros educativos para impartir charlas divulgativas dunha hora de duración, nas que lles ensinarán aos escolares a navegar por Internet dun xeito útil e responsable previndo, ademais do ciberacoso, a dependencia das novas tecnoloxías. Do mesmo xeito, "Navega con Rumbo" tamén fará partícipe das recomendacións a profesores e pais e nais, para que eles mesmos poidan chegar transmitir esas boas condutas aos rapaces e rapazas.

Asemade, o programa estará apoiado polas Guías de Boas Prácticas elaboradas polo CPEIG, dirixidas tanto ao alumnado coma ás familias e ao profesorado, que se poderán descargar en formato electrónico na web do programa www.navegaconrumbo.es, web na que tamén estará a disposición da comunidade educativa xogos e ligazóns de interese sobre a temática do programa.

Balance do programa

Está é a cuarta edición de "Navega con Rumbo" tras a súa posta en marcha hai tres anos. Na primeira edición déronse 90 sesións informativas en centros educativos de Galicia, e no curso 2011/12 chegaron a preto de 140. No pasado curso a cifra elevouse a 200 e, nesta cuarta edición, pertencente ao ano académico 2013/2014 serán 220 accións e outros tantos centros educativos.

Así, dende hai catro anos a Consellería de Cultura e Educación aposta por unha maior difusión do Proxecto Abalar coa posta en marcha desta iniciativa complementaria dirixida a pais, alumnos e profesores, co obxectivo de ampliar as actividades previstas no proxecto Abalar, que permiten á comunidade educativa aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles ao seu alcance.