Pasar al contenido principal

Aberta a inscrición para o obradoiro de comunicación oral no ámbito empresarial organizado polo CPEIG

Símbolo do CPEIG

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2013.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de abrir o prazo de inscrición para asistir ao curso Expres-Arte, que impartirá Íñigo Sáenz de Urturi ao redor da comunicación intelixente na era dixital. A charla formativa terá lugar o vindeiro día 8 de novembro na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, de 19.00 a 21.00 horas.

O CPEIG proponse, coa organización deste curso, promover a innovación en aspectos relacionados coa comunicación oral no eido empresarial mediante o fomento de competencias, habilidades e o coñecemento de metodoloxías complementarias que axudarán aos asistentes a coñecer o poder da palabra.

Segundo o relator, a interacción persoal, a comunicación oral, é vital e non se obvia, nin sequera se pode enmascarar a través dun e-mail, un tuit ou un SMS porque subxace. "É transcendente realizala de xeito eficaz e intelixente para maximizar o tempo e os recursos", apunta Sáenz de Urturi.

A cota de inscrición para asistir ao curso Expres-Arte é a seguinte: membros colexiados ou precolexiados, de balde; non colexiados e non precolexiados, 10 euros. Para inscribirse, cómpre cubrir o formulario de inscrición dispoñible no portal do CPEIG. Máis información sobre o curso aquí.

Experto en comunicación interpersoal

Íñigo Sáenz de Urturi é un experto en comunicación interpersoal. A súa carreira como mago profesional durante máis de 28 anos concédelle un alto grao de entendemento dos patróns da comunicación humana que, unido á súa experiencia en dirección comercial e xerencia da súa empresa, Be Magic S.L., conforman un perfil atractivo que xa lle valeu o alcume de O Mago da Comunicación.