Pasar al contenido principal

Unión Profesional de Galicia organiza en Compostela unha xornada sobre a mediación como vía para resolver conflitos

Unión Profesional de Galicia

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2013.-Unión Profesional de Galicia, que representa a 42 colexios profesionais e a máis de 60.000 profesionais da maioría das titulacións que se cursan nas tres universidades galegas, organiza en Santiago de Compostela, o próximo 29 de novembro, unha xornada técnica na sede da EGAP sobre a mediación como vía para resolver conflitos. O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, asistirá á clausura.

O encontro está destinado a tódolos profesionais interesados no mundo da mediación. Os colexios profesionais están recoñecidos na lexislación como entidades de mediación. O Goberno central pretende potenciar esta vía a través dos colexios profesionais para tratar de desconxestionar e aliviar a sobrecarga dos xulgados. Á inauguración da xornada, prevista para as 10.00 horas, acudirá o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e la directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos. O presidente de Unión Profesional de Galicia, José María Arrojo, exercerá de anfitrión.

A catedrática de Dereito Procesual e Directora do Máster de Mediación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Raquel Castillejo, abordará A mediación como método alternativo de resolución de conflitos. A súa conferencia, que diferenciará entre a mediación, a arbitraxe e a conciliación, comezará ás 10.30 e finalizará ás 12.00 horas. A xuíza de Instrución de Madrid Rosa María Freire Pérez será a encargada de pechar a sesión matinal. O xuíz na mediación será o tema que tratará.

A sesión de tarde, a partir das 16.00 horas, iniciarase coa conferencia sobre a figura do mediador. Estará a cargo da letrada Rosa Sánchez González-Dans. Posteriormente comezará unha mesa redonda que abordará casos sobre a mediación por parte de expertos. Explicarán a mediación aplicada a conflitos técnicos, familiares, mercantís e sociais. Entre os conferenciantes figuran: Carmen García Pedreira, secretaria de Xulgado de Familia; Mª Elsa Rodríguez Viña, psicóloga e membro da Comisión de Mediación do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia; Pablo Carrero Fojón, do Xulgado do Mercantil de A Coruña e Carlos Montes Piñeiro, psicólogo e membro da Comisión de Mediación do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. A partir das 19.00 horas, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, clausurará a xornada. Acompañaranlle José María Arrojo e Antonio Macho, presidente e secretario xeral de Unión Profesional de Galicia.

Avance do programa da xornada.

Boletín de inscrición

Sobre a Unión Profesional de Galicia

Unión Profesional de Galicia, que representa a 42 colexios profesionais e a máis de 60.000 profesionais dun total de 28 titulacións universitarias, aposta pola mediación voluntaria como vía para aliviar o colapso que padecen os xulgados de Galicia. "Os colexios profesionais queremos ser protagonistas na resolución de conflitos e evitar que as partes, na medida do posible, cheguen aos tribunais", asegura José María Arrojo, presidente de Unión Profesional de Galicia, quen lembra que "esta vía de carácter voluntario para as partes axudaría a desatascar os xulgados da comunidade autónoma de Galicia".

Unión Profesional de Galicia, en representación dos entes colexiais galegos asinará nas próximas semanas un convenio co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que permitirá fomentar esta vía extraxudicial de resolución de conflitos e impulsar a mediación. A nova normativa asigna aos colexios profesionais, como corporacións de dereito público, un especial protagonismo na capacidade para mediar e resolver casos sen que inicialmente sexa necesaria a presenza xudicial. "Queremos ser protagonistas no exercicio da mediación", asegura José María Arrojo en representación de 42 colexios profesionais galegos que actúan na maioría de áreas de actividade profesional. Os entes colexiais, e grazas a porta que abrirá Unión Profesional de Galicia no convenio que asinará co TSXG, serán os que teñan a potestade de concretar acordos cos xulgados para exercer accións de mediación nos diferentes ámbitos de actuación.

"A mediación consegue unha solución consensuada entre as partes, que asumen a necesidade de chegar a un acordo para favorecer, por exemplo, a viabilidade dunha empresa", apunta José María Arrojo,quen lembra que esa vía adoita garantir a continuidade do proxecto obxecto da mediación. "E non sempre sucede así cando se recorre á vía xudicial", engade o presidente de Unión Profesional de Galicia.

José María Arrojo tamén lembra que Unión Profesional de Galicia, cos seus equipos multidisciplinares de expertos, achega valor engadido na formación dos mediadores. "A capacitación profesional dos expertos en mediación é fundamental para a resolución satisfactoria de conflitos".