Pasar al contenido principal

O CPEIG fai un chamamento sobre a necesidade dunha maior concienciación en materia de seguridade na rede

Símbolo do CPEIG

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2014.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) está a difundir na presente semana unha serie de recomendacións con motivo do Día da Protección de Datos, que se conmemora mañá martes, día 28. Mediante ese conxunto de suxestións, o colexio avoga pola concienciación da cidadanía en materia de seguridade na Rede.

O CPEIG (http://www.cpeig.org/portal/) considera do máximo interese que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos. Baixo esa premisa, o ente colexial elaborou un conxunto de recomendacións que fai público para contribuír á construción dunha sociedade da información na que a cidadanía debe ser consciente de todas as oportunidades e dos riscos que lles ofrece a Internet.

  • Antivirus. Cómpre actualizar periodicamente o software antivirus e de seguridade. Tamén é necesario configurar o software do navegador coas opcións de seguridade máis restritivas.
  • Executables. É preferible non descargar programas executables ou ficheiros que sexan susceptibles de conter "software malicioso". Protexa o seu equipo con programas "devasa" e de detección e eliminación de "software espía".
  • Identificadores. O intercambio e a entrega de datos de carácter persoal e bancarios debe efectuarse nos sitios web que dispoñan de protocolos seguros e de política de privacidade. Nunca proporcione información sobre os seus identificadores de usuario e moito menos sobre as súas claves de acceso. Sexa especialmente rigoroso en avisos de sorteos, ofertas telefónicas ou promocións comerciais de calquera tipo.
  • Contrasinais. Manteña, a ser posible, contrasinais  distintos para cada web ou servizo que sexan suficientemente longos e difíciles de adiviñar. Procure non usar o PIN dunha tarxeta de crédito, nin a data de nacemento, nin palabras do dicionario ou diminutivos. Conveñen palabras nas que se combinen maiúsculas, minúsculas, números e outros caracteres especiais permitidos, ("iogur.de#piña", "meu-can.ch4mase-Roque") que lle resulten fáciles de recordar aínda que difíciles de adiviñar a un terceiro.
  • WIFI. Particular atención ás redes sen fíos abertas. A información vai sen protección, logo é susceptible de ser interceptada e utilizada con fins non autorizados. É doado obter os datos de acceso da gran maioría das redes. Recoméndase usar os últimos protocolos dispoñibles cando sexa posible (WPA/WPA2).
  • Buscadores. Teña en conta que o uso dun buscador xera tratamentos de información, que serán empregados como mínimo para ofrecer anuncios personalizados. Convén coñecer as políticas de uso do buscador que máis empregue. Os buscadores poden permitir obter perfís completos sobre a nosa información pública en Internet.
  • Cookies. Borrar con regularidade as cookies e os arquivos temporais de Internet, así como o historial de navegación, especialmente cando se acceda a Internet dende un computador ao que teñan acceso outras persoas. 
  • SPAM. No caso de recibir correos non desexados (spam), non envíe unha resposta, xa que estará confirmando a validez do seu enderezo electrónico. É conveniente desactivar a opción que envía un acuse de recibo ao remitente das mensaxes lidas do sistema de correo electrónico 
  • E-mail. Cando envíe mensaxes de correo electrónico a diferentes destinatarios, cómpre empregar o campo "Con Copia Oculta (CCO)". No caso de envíos masivos utilice ‘listaxes de distribución’.
  • Redes sociais. Debe garantir a seguridade da súa información nas redes sociais mediante unha configuración axeitada do seu perfil e empregando contrasinais. Non esqueza que os buscadores poden permitirlle a un terceiro obter a información pública dos perfís.
  • Imaxe. A imaxe é un dato de carácter persoal cuxa difusión ou acceso non autorizado pode ser particularmente molesto ou daniño. Ao publicar unha foto ou escribir nun foro pode estar incluíndo información sobre outras persoas. Sexa consciente de que ten que respectar os dereitos desas persoas.
  • Cámaras web. Antes de instalar unha cámara web que reproduza imaxes na Internet, asegúrese de que a captación sexa o menos intrusiva posible. Así mesmo, debe garantirse a seguridade impedindo o acceso non autorizado a imaxes captadas por este tipo de cámaras.
  • Infancia. Debemos educar a infancia nun uso seguro das redes e acompañar os nenos e nenas na súa navegación. Cómpre adoptar medidas de seguridade física e informáticas para os nenos e nenas,  como a situación do ordenador na casa ou unhas horas determinadas de uso.

O Día da Protección de Datos en Europa é unha xornada impulsada pola Comisión Europea, o Consello de Europa e as autoridades de protección de datos dos Estados membros da Unión Europea co obxectivo de difundir entre os cidadáns o coñecemento dos seus dereitos e responsabilidades sobre a protección de datos.