Pasar al contenido principal

O CPEIG volve denunciar o uso inapropiado da expresión erro informático

Símbolo do CPEIG

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2014.-A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu remitirlle unha carta á directora provincial da Coruña da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Cristina Ortiz, despois da aparición en diferentes medios impresos dunha nova na que se atribúe a irregularidade das subas das bases de cotización a centos de gandeiros e agricultores a un presunto "erro informático". Segundo as informacións publicadas, a autoría da expresión correspóndelle a Ortiz.

Non é a primeira vez que os colexiados do CPEIG elevan a súa voz diante do uso non axeitado da expresión erro ou fallo informático. Numerosas misivas oficiais, cartas ao director publicadas en diversos xornais, notas de prensa e encontros con representantes dos medios de comunicación suman unha batería de accións a prol da confianza nos sistemas informáticos e os seus profesionais.

A continuación, reprodúcese o texto da misiva, asinada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez.

Prezada Señora:

Póñome en contacto con Vde. como representante dos enxeñeiros informáticos de Galicia para manifestarlle o noso malestar pola xustificación das subas irregulares das bases de cotización a centos de gandeiros e agricultores escudándose na expresión "erro informático".

Como presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), non podo deixar pasar esta ocasión sen sinalarlle que o uso da expresión "erro informático" neste caso non fai máis que sinalar negativamente a unha profesión, a de enxeñeiro ou enxeñeira en Informática, sen razón ningunha. Ese tipo de usos trabucados da linguaxe, amplificado a través dos medios de comunicación, representa un importante agravio á nosa profesionalidade.

O acontecido trátase, evidentemente, dun erro na concepción do programa. Coma sempre recomenda o ente colexial que presido, este tipo de aplicación debe ser desenvolvida baixo a dirección e coordinación dun EeI, único profesional con competencias, capacidades e coñecementos que permite unha garantía sobre o resultados dos traballos realizados.

Desde o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia non podemos quedar impasibles diante da declaracións de xestores públicos, organismos ou institucións que botan man da expresión "erro informático" para encubrir fallos que teñen cariz humano e que, en tantas ocasións, significan a incapacidade das institucións e organismos para manter os datos dos cidadáns seguros, exactos e actualizados.

Para finalizar, quixera trasladarlle a opinión dos colexiados que represento no sentido de que cómpre xerar e manter a confianza nos sistemas informáticos, sempre que estean desenvolvidos e xestionados de forma correcta. Do mesmo xeito, solicitámoslle que, como cargo público, contribúa coas súas accións e declaracións públicas a impulsar e fortalecer esa confianza da sociedade galega na informática e nos seus profesionais.

Á espera das súas noticias, reciba un cordial saúdo

 

Fernando Suárez Lorenzo

Presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia