Pasar al contenido principal

Charla do Vicepresidente do CPEIG no Colexio Peleteiro para fomentar o estuda da Enxeñaría Informática

charla_peleteiro

Juan Otero Pombo, vicepresidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), vén de participar nunha mesa redonda sobre os Estudos de Enxeñarías e Arquitectura, organizada polo Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela. Otero estivo acompañado o pasado mércores, 12 de marzo, de Fernando Agrasar Quiroga, decano da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC, e Fernando Cerdeira Pérez, profesor da Escola Técnica Superior de Industriais da UDV.

Na súa intervención, Juan Otero transmitiulle ao alumnado os bos datos de inserción laboral do estudos de Enxeñaría en Informática, "cun índice de desemprego moi baixo, menor do 10% -apuntou-, nun tempo no que a media nacional está por riba do 26%". "A Enxeñaría en Informática é unha profesión de presente, pero especialmente de futuro", comentoulles o relator aos presentes: alumnado, nais e pais.

Na súa alocución, Otero Pombo comentou que a Unión Europea realizou un chamamento para que os países membros aposten pola economía dixital, que está chamada a ter un protagonismo especial na loita contra o paro nun continente con 26 millóns de parados e na recuperación da economía. Así mesmo, referiuse ao caso de Irlanda, que "foi quen de atraer empresas líderes da industria TIC mundial converténdose no Silicon Valley europeo".

Varios alumnos e alumnas mostraron a súa intención de estudar EeI e fixéronlle preguntas sobre a necesidade de ter coñecementos informáticos para poder cursar os estudos ou sobre a dureza das materias como Física e Matemáticas.

A participación nesta actividade escolar inscríbese na aposta do CPEIG por achegarlles a Enxeñaría en Informática aos estudantes máis novos, fomentar o seu estudo e informar sobre as características da profesión. A mesa redonda formou parte do programa deseñado dentro da Semana de Orientación Universitaria que, dende o 10 ata o 14 de marzo, organiza o Departamento de Orientación do Colexio Peleteiro para axudar ao alumando na elección de formación universitaria unha vez superado o Bacharelato.