A gran maioría dos europeos sente unha certa preocupación polo uso alleo dos seus datos persoais en Internet, unha inquietude recollida polos expertos. Para o 82 por cento dos europeos, a transmisión de datos en Internet non é segura, segundo unha enquisa do Eurobarómetro publicada esta semana. Ao 67 por cento incomódalles ter que rexistrar o seu nome, dirección ou data de nacemento.
Máis aló das informacións ofrecidas voluntariamente, moitas déixanse na Rede de forma inconsciente. "Un historial individual de procura contén unha pegada de intereses, relacións e intencións da persoa", recorda unha recente recomendación do Comité Artigo 29 (G29), que reúne aos organismos nacionais de protección de datos. "Estes datos poden ser despois utilizados" con fins positivos ou negativos, explicou o texto. Ademais, valen o ouro para os publicistas en liña.
Para o G29, os motores de procura non teñen ningún motivo para almacenar durante máis de seis meses as informacións sobre os internautas. Google e Microsoft consérvanas actualmente durante un período tres veces superior.
O Comité critica así mesmo as 'cookies', uns programas espías que algúns sitios web instalan nos computadores persoais. "As datas de expiración das cookies fixadas por algúns motores de procura parecen excesivas". Nalgúns casos, ata duran "varios anos". Algúns motores cruzan ademais as súas informacións con terceiros, unha práctica "ilegal se os usuarios non foron informados", segundo o G29.
A recomendación do G29 non é vinculante, pero a pelota está agora no campo da Comisión Europea. A Unión Europea mostrouse con frecuencia preocupada por protexer a vida privada, opóndose por exemplo a Estados Unidos, que defende a transferencia de datos para a loita antiterrorista.
Sobre internet, Bruxelas propuxo o ano pasado modificar algunhas regras comunitarias existentes. A Comisión quere por exemplo obrigar aos provedores de servizos públicos de comunicacións electrónicas a notificar os erros nos seus sistemas de seguridade, así como permitir os recursos xudiciais contra os autores do 'correo lixo' por parte de persoas morais.
Unha proposta que "non é todo o ambiciosa que podería ser", lamenta o Controlador Europeo de Protección de Datos (CEPD). "Outras organizacións utilizan tamén cantidades masivas de datos privados, cuxa revelación podería ser potencialmente perigosa", como os servizos bancarios ou médicos en liña, segundo o CEPD. Este organismo deplora ademais que as asociacións de consumidores non poidan emprender unha acción xudicial contra un provedor de acceso a internet que divulgue datos persoais de millóns de usuarios.
Pero elaborar unha regulamentación non servirá para nada sen a educación previa do consumidor, defenden os expertos. Segundo o Eurobarómetro, a pesar de todos os seus temores, só o 22% dos europeos utilizan instrumentos para protexer os seus datos (cortafogos, filtro de cookies...).
E moitos deles subestiman os seus riscos, como o proba unha actual iniciativa do Centro Belga de Investigación e Información das Organizacións de Consumidores. O centro creou un sitio de internet que, coa promesa de comunicacións gratuítas, obtén información persoal dos internautas. Desde o 1 de abril, 12.000 persoas caeron na trampa.