Pasar al contenido principal

O CESGA deseñará un curso de formación en liña para persoal de recursos humanos de toda Europa

Logotipo del CESGA

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), dependente da Consellaría de Innovación, vai desenvolver un contorno virtual de formación baseado no software libre que está implementado e adaptado para ofrecer formación ao persoal de recursos humanos das pequenas e medianas empresas en Europa.

O departamento encargado de desenvolver este contorno virtual será a Área de e-Learning, que levará a cabo a formación do persoal a través de sete cursos piloto nos que se combinará a formación presencial coa formación a distancia (seguindo a denominada metodoloxía blended-learning).

O YES é un proxecto educativo financiado pola Comisión Europea no marco do programa Sócrates-Leonardo que está orientado a formar a persoal de recursos humanos das pequenas e medianas empresas encargados de seleccionar e introducir a mozos e mozas aos seus postos de traballo nas empresas.

A formación que se vai impartir a través destes sete cursos prestará especial atención á dificultade que teñen para atopar emprego os mozos e mozas que non completan os seus estudos obrigatorios así como aqueles grupos de xoves con desvantaxes persoais ou socioeconómicas.

As principais actividades que se van levar a cabo neste proxecto, que se iniciou en novembro de 2007 e que rematará en outubro de 2009, son entre outras:

  • Obter información relevante da inserción laboral de mozos e mozas europeos extraída da experiencia levada a cabo no marco do proxecto EuroJobMediator así como doutras iniciativas a nivel europeo.
  • Levar a cabo unha análise de necesidades das empresas coa fin de desenvolver un soporte a medida.
  • Implementar un sistema virtual de formación e asesoramento en liña para o persoal responsable dos recursos humanos das PEMES do que se vai encargar o CESGA.
  • Levar a cabo cursos piloto para o persoal responsable dos recursos humanos das empresas instaladas en Austria, Francia, Eslovenia, Alemaña, Eslovaquia, Países Baixos e República Checa.
  • Avaliar a adecuación do sistema YES e os seus efectos nas relacións entre o empresariado e a xente nova.

Os resultados acadados daranse a coñecer ao remate do proxecto, nunha conferencia internacional.