Pasar al contenido principal

O CPEIG aborda en setembro a relación entre xornalismo, datos e redes sociais

Símbolo do CPEIG

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2014.- Expertos en comunicación e novas tecnoloxías reuniranse o vindeiro 18 de setembro en Compostela da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) co gallo da xornada Xornalismo, datos e redes sociais. O encontro, organizado polo colexio en colaboración coa Amtega, desenvolverase na Facultade de Ciencias da Comunicación de 9.00 a 18.00 horas e permitiralles aos asistentes afondar na influencia das TI no labor xornalístico. A inscrición, aberta ata o 16 de setembro, é gratuíta a través do enderezo electrónico eventos@cpeig.org.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, xunto con representantes da Amtega e da Facultade de Ciencias da Comunicación, abrirá a xornada para dar paso á intervención da reportuitera, comunicadora e xestora de redes sociais Laura Camino, quen tratará o emprendemento e as redes sociais, centrándose na súa experiencia no reportuiteo: o xornalismo en 140 caracteres. A continuación, o patrono fundador e director de Civio Fundación Ciudadana, David Cabo, falará da transparencia dos datos e da iniciativa www.dondevanmisimpuestos.es

PERSPECTIVA DE XÉNERO

Posteriormente, o vicepresidente do CPEIG, Juan Otero, abordará o tratamento nos medios de comunicación do denominado "erro informático". Pola súa banda, a produtora e investigadora de contidos dixitais, María Yáñez, introducirá unha perspectiva de xénero co relatorio Muller e comunicación dixital. O director da edición dixital de La Voz de Galicia, Tomás García, pechará as intervencións da mañá co tema Novas perspectivas do xornalismo electrónico.

Xa pola tarde, a xornada centrarase na mesa redonda Tecnoloxía para a divulgación. Nela participarán o doutor en Ciencias da Información pola USC e doutor en Ciberxornalismo, Manuel Gago, quen abordará o seu proxecto Torre de Mouros; o CEO de Teltek Vídeo Research e coordinador técnico de UVigo-TV, Vicente Goyanes, quen falará da súa experiencia en Vigo iTunes U; e o doutor en Comunicación pola UCM e profesor na USC, Xaime Fandiño, quen exporá o seu proxecto Latencia 0?.