Pasar al contenido principal

Asinado o acordo marco de colaboración entre a Real Academia Galega de Ciencias e o CPEIG

RACG

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, e o seu homólogo da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos Fernández, asinaron o pasado día 25 de setembro en Santiago de Compostela o acordo marco de colaboración entre as dúas entidades para potenciar a difusión da ciencia en Galicia e favorecer o seu achegamento ao sistema produtivo galego.

O CPEIG comprométese a colaborar coa RAGC na difusión social da ciencia, especialmente naquelas actuacións tendentes a aproximar o coñecemento ao sector produtivo. Pola súa banda, a RAGC porá ao servizo do CPEIG o seu coñecemento no eido científico-técnico. Ademais, as dúas entidades poderán acordar concorrer conxuntamente a convocatorias de financiamento público.

O texto rubricado fixa que a RAGC lle concederá ao CPEIG a condición de entidade colaboradora, que se fará constar explicitamente na súa páxina web, así como nos programas e carteis anunciadores das actividades nas que participen ambas entidades.

O acordo, que ten unha vixencia de dous anos, inscríbese na liña de traballo do CPEIG de colaboración con outros organismos a prol dun maior coñecemento do ente colexial e da difusión dunha imaxe positiva da profesión.

A sinatura tivo lugar na sala de xuntas do Pazo de San Roque.