Pasar al contenido principal

A AMTEGA convoca o CPEIG xunto con outros axentes do sector TIC para abordar os desafíos da Axenda Dixital de Galicia

Foto adg2020

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, asistiu o día 1 de decembro á xuntanza que organizou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) cos axentes do sector TIC para abordar de forma conxunta os desafíos aos que se enfronta Galicia no eido tecnolóxico no horizonte 2020.

A directora da Amtega, Mar Pereira, trasladoulles aos representantes do sector a importancia de abordar de forma conxunta estes aspectos desde o ámbito autonómico para asegurar a toma de decisións cun claro impacto na contorna galega, dar resposta aos desafíos tecnolóxicos específicos aos que se enfronta Galicia e dotar á Comunidade dos mecanismos necesarios para afrontar as oportunidades tecnolóxicas de crecemento que brinda o novo período. Así o destaca o propio Gabinete de Comunicación da Axencia nun comunicado de prensa feito público.

Ademais do intercambio de ideas e reflexións recollidas na reunión de hoxe, a Amtega remitiralles aos axentes do sector tecnolóxico un formulario para canalizar as súas achegas que serán valoradas de cara á conformación final da Axenda Dixital de Galicia 2020.

Modelo de intelixencia colectiva

A xuntanza co sector tecnolóxico celebrada hoxe forma parte da campaña de elaboración da Axenda Dixital de Galicia, que se iniciou en xullo deste ano. A nova folla de ruta en materia tecnolóxica presentarase no primeiro trimestre de 2015 e estase a elaborar en base a un modelo de intelixencia colectiva, contando coas achegas das institucións públicas, axentes sociais e económicos e da sociedade galega.

Destaca a Amtega que será "unha Axenda Dixital de todos e para todos, orientada a asegurar que Galicia compite como rexión de referencia no ámbito dixital a nivel europeo". O Goberno da Xunta está a desenvolver unha campaña integral de participación con accións específicas para institucións e expertos de recoñecido prestixio e outras destinadas á sociedade civil para conseguir un documento que recolla de maneira colaborativa as necesidades, os retos e as oportunidades identificadas.

Como parte desta campaña, o pasado 28 de xullo publicouse o blog.adg2020.es, a través do cal calquera persoa puido achegar ata hoxe as súas propostas aos desafíos, participar nos foros de discusión sobre os mesmos ou simplemente enviar as suxestións que considerase a través do mail adg2020@xunta.es.