Pasar al contenido principal

CPEIG e a Secretaría Xeral de Igualdade anovan a súa alianza para a formación tecnolóxica de mulleres a través do Rede Emprende

Símbolo do CPEIG

O programa Rede Emprende en Igualdade é unha iniciativa que nace froito da colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a prol da capacitación tecnolóxica das mulleres. As accións formativas previstas están en marcha na que xa é a segunda edición do programa.

A iniciativa, que naceu o ano pasado como experiencia piloto, ofrece unha serie de cursos que comprenden un conxunto de actuacións de asesoramento, apoio e formación dirixidas ás mulleres potencialmente emprendedoras, na procura de emprego ou con arelas de formarse. O obxectivo é axudalas na posta en marcha ou modernización das súas empresas e na procura de emprego para fomentar a súa adaptabilidade e concorrencia no mercado actual.

Son as colexiadas e colexiados do CPEIG quen se encargan de impartir como expertos na materia formación e asesoramento en varios aspectos: iniciación a Internet e redes sociais; novas tecnoloxías e emprendemento; novas tecnoloxías e busca de emprego, e redes e transposición de experiencias.

Mulleres dos concellos de Ribeira, Padrón, Ferrol, Xermade, Burela, Celanova, Xinzo de Limia, Cuntis, A Estrada e Vilagarcía de Arousa poderán formarse ao abeiro de Rede Emprende. En total serán unhas 250 alumnas, 100 máis respecto á edición piloto.

Os cursos, cunha duración de 20 horas, teñen un máximo de 25 alumnas cada un e celébranse na aula CEMIT existente no correspondente concello. 

Eixe do Plan Galego para a Igualdade

Rede Emprende en Igualdade responde ao eixe 3 do Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres, que busca "outorgar un maior protagonismo ás actuacións que contribúan a facilitar a autonomía económica das mulleres galegas, o que leva a fomentar o seu acceso ao mercado laboral, así coma o seu desenvolvemento profesional e a posta en valor da súa iniciativa emprendedora".