Pasar al contenido principal

O CPEIG apoia a iniciativa "ONE HOUR CODE", dentro da súa aposta pola introdución da ciencia computacional no currículo escolar

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) únese á celebración esta semana da iniciativa One Hour Code, Hora do Código, promovida por Code.org. Deste xeito, manifesta unha vez máis o seu apoio á introdución directa da ciencia computacional nas escolas. 

Esta semana (entre os días 8 e 12 de decembro) estase a celebrar a Semana das Ciencias da Computación e Code.org aproveita a conmemoración para "desmitificar a programación e amosar que a informática non é unha ciencia especial, calquera pode aprender as súas bases", segundo manifestou Hadi Partovi, fundador e CEO de Code.org. O que procuran desde a organización a través da iniciativa One Hour Code é  acadar a máxima participación, en concreto a de milleiros de estudantes de todo o mundo.

Sobre Code.org

Code.org® é un organismo público sen fins de lucro dedicado a ampliar a participación en informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación. Para obter máis información, visita: http://code.org.

Programación nas Escolas

O CPEIG manifestou publicamente en diversas ocasións a súa postura en relación a que a programación se incorpore ao currículo escolar. En coherencia con ese pensamento, presentoulle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o proxecto Programación nas Escolas, despois de levar a cabo, con moito éxito, unha experiencia de cursos de scratch que tiveron unha moi boa acollida.

Recentemente, o CPEIG e a Consellería asinaron o convenio para poñer en marcha  Programación nas Escolas, que ten como principal obxectivo ensinar aos escolares, dunha maneira proactiva e lúdica, a programar, introducíndoos ao pensamento computacional. Trátase de ofrecerlle aos alumnos e alumnas de primaria as ferramentas necesarias para comprender qué son e cómo funcionan os ordenadores e os programas e aplicacións informáticas que rexen o día a día. 

Deste xeito, as nenas e nenos poderán entender moito mellor a realidade na que se moven ao tempo que se fomentan as súas capacidades creativas na medida en que poden crear as súas propias aplicacións interactivas como animacións, videoxogos ou simulacións, entre outros. 

Así mesmo, a iniciativa tamén contempla a formación de profesores e de pais e nais, para que incorporen a programación a aspectos como a creatividade e a resolución de problemas. É dicir, facelos partícipes, a través da programación, da mellora das competencias en ciencias e tecnoloxía, así como das competencias comunicativas, artísticas e dixitais do seu alumnado. 

Programación nas Escolas está dirixida ao conxunto da comunidade escolar dos centros Abalar, e complementa outros proxectos postos en marcha tamén en colaboración co CPEIG,  como o Navega con Rumbo polo Ciberespazo. 

O Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia encargarase de levar a cabo unhas xornadas divulgativas que abranguen toda a comunidade educativa, é dicir, alumnos, profesores, e pais e nais. Segundo se establece no convenio, realizaranse un total de 10 xornadas entre outros tantos centros escolares seleccionados. Pola súa banda, a Consellería de Cultura e Educación, ademais de coordinar as xornadas, a través do ‘espazoAbalar’ porá a disposición da comunidade educativa os contidos dixitais axeitados para reforzar dito programa.